A Comisión Europea asegura non ter competencias para participar en misións de vixilancia sobre residuos radioactivos

O equipo de investigación a bordo de L'Atalante manexa o robot submarino UlyX. (Foto: Javier Escartín)

O BNG critica "inacción" da Comisión e o Estado español ao non realizar unha investigación de control dos bidóns localizados fronte á costa galega.

A Comisión Europea defende –a través dunha resposta a preguntas remitidas por PP, PSOE e BNG tras a misión francesa deste verán na Foxa Atlántica– que non dispón das competencias para levar a cabo misións relativas a residuos radioactivos ou actuar en augas internacionais. Segundo recolle a contestación oficial, o órgano europeo acóllese ás competencias estabelecidas polo Tratado Euratom, polo que a Comisión "só" ten dereito a "acceder e verificar" o funcionamento e a eficacia das instalacións dos Estados membros dispostas co fin de controlar a radioactividade.

Desta forma, a Comisión asegura que revisou os resultados de varios estudos inteneracionais a respecto diso e seguirá supervisando a evolución da situación, incluíndo os resultados da expedición francesa de L'Atalente, mais en en ningún caso participará nas misións, "dado que non existe un mandato legal".

A contestación sinala que as actividades levadas a cabo por Francia exceden o ámbito de aplicación do Tratado Euratom. Esta misión, que concluíu a súa misión en xullo, localizou un total de 3.500 bidóns radioactivos na Foxa Atlántica, fronte á costa galega, e deu conta dalgunhas fugas, probablemente de alcatrán. Con todo, a Comisión lembra que o 18 de outubro de 2021 levou a cabo unha verificación do control da radioactividade do medio mariño costeiro da Galiza e Cantabria, que demostrou que as instalacións necesarias para o control dos niveis de radioactividade son adecuadas.

"Inacción"

O BNG, que remitiu en xuño unha pregunta á Comisión Europea, acusou de "inacción" á mesma e ao Estado español por non levar a cabo unha investigación de control dos 220.000 bidóns de residuos radioactivos localizados fronte á costa galega e verteduras entre 1940 e 1985.

"É unha falta de cumprimento dos seus deberes de control de residuos nucleares e nós, como galegas e como galegos, non temos que pagar o que moitos Estados Europeos fixeron, que foi verter nas nosas costas e producir uns residuos nucleares que aínda seguen aí", manifestou a eurodeputada Ana Miranda.

Segundo lembra o BNG, a pregunta presentada en xuño á Comisión é a cuarta dirixida pola eurodeputada nacionalista sobre este tema. Ademais, Miranda adiantou que a súa formación levará a cabo iniciativas nos tres parlamentos, novamente, para que o Estado actúe no control dos residuos radioactivos.