BNG reclama unha "investigación propia" sobre o estado dos residuos radioactivos na Foxa Atlántica ante a "pasividade" do Goberno

Néstor Rego exixe ao Executivo español que poña en marcha unha misión para avaliar o estado dos "máis de 225.000 bidóns con residuos radioactivos" afundidos fronte á costa galega.
Néstor Rego, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
O deputado naciolista Néstor Rego. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar a inacción e pasividade do Goberno do Estado español fronte "ao grave problema ambiental" que representa o cemiterio nuclear afundido na Foxa Atlántica, a uns 600 quilómetros da costa galega. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno asumir as súas responsabilidades e impulsar unha misión científica propia para inspeccionar e avaliar o estado dos "máis de 225.000 bidóns con residuos radioactivos depositados no fondo mariño" desde hai máis de catro décadas.

Néstor Rego advirte da falta total de vixilancia e control sobre esta zona, onde foron deitadas máis de 140.000 toneladas de lixo nuclear procedentes de oito países europeos entre 1949 e 1982, sen que o Estado español realizase ningunha inspección recente nin dese pasos para coñecer o seu impacto ambiental.

"Resulta incomprensíbel e irresponsábel que, despois de máis de corenta anos desde a finalización dos depósitos, o Goberno español non teña promovido unha soa misión científica propia para coñecer o estado real destes residuos perigosos", critica Rego. "O Estado non pode seguir desaparecido fronte ao potencial risco do lixo nuclear" na costa galega, demanda.

Impacto ambiental

Nun comunicado, o BNG lembra a misión francesa que estes se desenvolve no Atlántico Norte a bordo do buque oceanográfico L'Atalante e que, con tecnoloxía submarina avanzada, está a inspeccionar a zona. Esta misión, promovida polo Centre National de La Recherche Scientifique (CNRS), xa localizou perto de dous millares de bidóns e ten previsto continuar en 2026 cunha segunda fase de actuación directa sobre os residuos.

"Non se entende que sendo a costa galega a máis exposta a calquera risco potencial, o Goberno do Estado non impulse unha investigación científica propia, a través do CSIC ou doutras institucións, que permita coñecer a situación real dos bidóns e o seu impacto ambiental", afirma o deputado nacionalista.

O BNG lembra que as únicas inspeccións realizadas até o momento tiveron lugar en 1988 e 1998, e denuncia que nin o Consello de Seguranza Nuclear español nin a Axencia Internacional da Enerxía Atómica teñen realizado ningún seguimento nos últimos 25 anos, a pesar das advertencias de expertos sobre o posíbel deterioro dos bidóns e o risco de contaminación mariña.

"É inadmisíbel que o Estado permaneza impasíbel mentres se descoñece o estado dun cemiterio nuclear nas inmediacións das nosas costas. Non é unha cuestión secundaria, senón un asunto de saúde ambiental, seguranza e responsabilidade internacional", sentencia Rego.

Comentarios