A Comisión de Saúde Pública decide a estratexia de vacinación das crianzas menores de 12 anos

As primeiras vacinas chegarán a semana que vén (Foto: Jorge Gil / Europa Press).
A Galiza conta con perto de 86% da poboación inmunizada á espera de saber se as crianzas menores de 12 anos se poderán vacinar nos centros escolares a partir do 13 de decembro.

A Galiza avanza na vacinación fronte á Covid á espera de resolver cal vai ser o proceso para inmunizar a poboación de entre 5 e 11 anos.

A data avanzada polo presidente da Xunta para iniciar a administración das primeiras doses foi a do 13 de decembro. Esta terza feira, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, apuntou que será cada comunidade autónoma a que estableza a "modalidade" para proceder á vacinación dos menores de 12 anos, sen aclarar se o Goberno é partidario ou non de que as picadas se realicen ou non nos centros escolares co fin de facilitar a distribución das vacinas.

En declaracións á prensa en Bruxelas, onde asiste a unha reunión de ministros de Saúde da UE, Darias confiou en que se adopten "as mellores decisións" na reunión da Comisión de Saúde Pública na que se está a discutir a estratexia de vacinación dos menores, co obxectivo, dixo, de que cando as doses estean dispoñíbeis, o 13 de decembro, se estea nas "mellores condicións" para proceder á súa inoculación.

Inmunizadas

Mentres, o proceso avanza entre os demais grupos de idade. Nas últimas horas a Galiza administrou perto de 35.000 doses mais, fundamentalmente de reforzo, pero tamén segundas picadas que elevan a cobertura total da poboación galega a 85,7%.

Todas as áreas sanitarias proseguen coa aplicación da terceira picada a cidadáns de 60 a 69 anos, así como con repescas de poboación de 70 a 79 anos.

Desde este pasado sábado se vacinará a persoal sanitario e sociosanitario coa dose de reforzo. Ademais, permanece aberta a autocita e vacinación libre para os que non se vacinaron até a data.

Non vacinadas

Por franxas de idade, as persoas de entre 30 e 39 anos acumulan a maior porcentaxe de non vainadas, case 18%, seguidas das de 20 a 29, grupo no que hai un 13% sen inmunizar.

Cun 7,5% o colectivo de entre 40 e 49 anos é o terceiro con menor cobertura frotne áCovid, seguido do grupo de mási de 12 anos, onde hai case un 5% sen protexer.