O Xulgado paraliza as obras de encauzamento do río no Malecón de Sarria

[Imaxes Plataforma Sarriana Polo Río]

A Xustiza ordena a paralización das obras na ribeira do río Sarria após a Conferencia Hidrográfica Miño-Sil re-inicialas coa tala dos ameneiros que se atopan nas súas inmediacións. A Plataforma denunciou que o proxecto non conta coa autorización de Patrimonio. 

 

O Xulgado de Sarria ordenou esta mañá a paralización das obras no Malecón de Sarria logo de se re-iniciaren apenas unhas horas antes. A decisión xudicial devén da denuncia interposta pola Plataforma Sarriana polo Río. O movemento veciñal denunciou que a Conferencia Hidrográfica estaba a levar adiante o proxecto de encauzamento do río sen contar coa autorización de Patrimonio. 

Tamén así, a organización ecoloxista ADEGA interpuxo unha solicitude urxente de paralización cautelar das obras perante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. A demanda visa o cumprimento do Decreto 67/2007 para a salvagarda do bosque mentres o Comité galego de árbores senlleiras non emite unha resolución a respeito da catalogación dos ameneiros de Toleiro para os que foi solicitada esta consideración.

Integrantes do movemento veciñal en defensa do patrimonio etnográfico sarriao foron despexad@s da Casa do Concello onde desenvolveron unha asentada en protesta pola actitude do goberno municipal.

Veciñanza despexada

Após unha intensa campaña de rexeitamento ao proxecto de encauzamento do río Sarria, a Plataforma Sarriana polo Río foi testemuña esta mañá do re-inicio das obras na ribeira. Nen o acordo alcanzado entre activistas e Concello freou a tala dos ameneiros que se atopan na ribeira do río e na illa do Toleiro. 

A Garda Civil informaba a primeira hora da mañá, arredor das 08.00 a.m., ás persoas que como cada día se achegaron até a ponte desta vila luguesa para impediren a desaparición deste espazo etnográfico situado no Camiño francés, que a Conferencia Hidrogáfica daría comezo ás obras de encauzamento do río. Embora non contaren coa autorización de Patrimonio --organismo que rexe o Camiño de Santiago-- as escavadoras re-iniciaron a execución das obras.

O Concello incumpre o seu compromiso 

"Onte ía facerse unha reunión coa Conferencia Hidrográfica", explica Patricia López, integrante da Plataforma Sarriana polo Río. "Avisáronnos de venres para luns que querían ter un encontro ás 11.00 da mañá mais desde a Plataforma dixémoslle que non poderiamos porque a xente ten obrigas familiares e laborais" de maneira que "pedimos adiala até a tarde". Porén, os responsábeis das obras e máis representantes do goberno local tiveron un encontro do que, finalmente, non tomaron parte @s activistas en defensa do río. 

"Deron unha rolda de imprensa para dicir que só talarían as árbores enfermas e que non tocarían a illa do Toleiro", continúa a explicar a pé do río Patricia López en conversa con Sermos Galiza, "mais desde que comezaron as obras talaron xa dúas árbores sás". @s integrantes do movemento veciñal xurdido en defensa deste ben patrimonial aseguran estaren "descolocados" co que está a acontecer. "Valaron a illa e comezamos a escoitar unha motoserra", as obras re-iniciáranse e pouco se podía facer xa polos ameneiros. 

A Plataforma valorará novas accións

"Chamei o alcalde e pregunteille como cidadá e veciña por que se estaban a talar as árbores sás, díxome que el non era técnico e que preguntase ao xefe de obra, despois colgoume o teléfono", explica. Ningunha das persoas que integran o goberno municipal de Sarria pasou polos arredores da illa do Toleiro onde arestora só se atopan activistas da Plataforma e axentes da Garda Civil. 

O avogado do movemento veciñal presentou xa unha denuncia no cuartel da Garda Civil para exixiren a paralización das obras habida conta, explica, que "non contan co permiso de Patrimonio" e as árbores están sendo taladas no Camiño francés. "Hoxe teremos unha xuntanza da Plataforma para valorarmos o que está pasando e tomarmos unha decisión ao respeito", sinala Patricia López. "Até o momento sempre fomos pacíficos e actuamos de maneira impecábel mais quizais hai que repensar a estratexia", indica. 

As obras non evitarán as anegacións mais fará desaparecer o patriminio etnográfico

Desde que a Conferencia Hidrográfica, co visto e prace do Concello de Sarria, iniciou as obras de encauzamento do río a Plataforma veciñal impulsou unha forte campaña de presión para evitar a tala dos ameneiros que se atopan na ribeira do río. Estas árbores, protexidas a nivel europeo pola súa escaseza, toman parte dunha paisaxe autóctona. 

O proxecto visa re-urbanizar esta zona en aras de evitar, din desde a corporación municipal, o desbordamento do río. Neste senso, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil expropiaría o muíño do Toleiro argumentando que parte da súa finca se atopaba en zona anegábel e era o principal escollo para o cauce do río en caso de desbordamento. 

A veciñanza rexeitou desde o comezo este plan porque o propio informe de obra indica que a medida podería minimizar as anegacións mais non eliminalas. A execución do proxecto terá un custe de 6.700.0000 euros que serán financiados con fondos públicos, o 70% procedente de fondos FEDER e o 30% a conta da propia Conferencia Hidrográfica.