Sarria móllase polo río e contra a idea do concello de investir sete millóns en 300 metros

[Imaxes: Plataforma Sarriana]

A Plataforma Sarriana polo Río convocou unha mobilización para rexeitar o proxecto, cuxas obras xa comezaron. Din que non só non vai evitar as anegacións nas marxes dos ríos Sarria e Celeiro, senón que as vai agravar ao tempo que destruirá patrimonio etnográfico e arrasará un bosque autóctono dunha especie protexida: o ameneiro.

 

Até 6.700.000 euros para unha actuación nunha área de 300 metros.

É o investimento que vén de adxudicar o Concello de Sarria para un proxecto que fora presentado xa en 2007 mais que ficara nunha gaveta até xaneiro de 2013, cando a exposición pública do documento confirmou o que a veciñanza xa temía: que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil expropiaría o muíño do Toleiro argumentando que parte da súa finca se atopaba en zona anegábel e era o principal escollo para o cauce do río en caso de desbordamento. 

E é que o devandito proxecto ten por obxectivo evitar as anegacións nas marxes dos ríos Sarria e Celeiro. Porén, o propio informe, que recibiu alegacións xa en 2007 por parte da asociación ecoloxista Adega, sinala expresamente que as anegacións poderán minimizarse, mais que non se van eliminar.

Afectado o bosque de ribeira e patrimonio cultural e etnográfico

A cidade vella de Sarria, construída até os anos 50 e 60, non respectou o refraneiro, pois hai un dito que advirte de que "nen casa á beira do río nen viña á beira do camiño". Se ben se construíron vivendas na zona de risco de anegacións, este proxecto, cuxas obras comezaron en decembro de 2013 derrubando a vivenda que estaba a carón do muíño do Toleiro, non é a solución.

A Plataforma Sarriana polo Río esixe que se realice outro proxecto onde si se interveña sobre os ríos Sarria e Celeiro, mais tamén sobre os regatos que van desembocar a eles e que sexa respectuoso co patrimonio 

Así o defende a Plataforma Sarriana polo Río, constituída para aglutinar a veciñanza que se ergueu contra o proxecto do Concello. Non están de acordo cos traballos que se están a acometer porque non se abordan "de maneira integral" as causas das inundacións de maneira integral, isto é, as actuacións están a se levar a cabo na zona do Malecón, que non se anegou nunca, e son principalmente obras de ornamentación e de urbanización.

Proba disto é que se vai substituír a baranda do Malecón, deseñada por un artista local, por outra de metacrilato "cunha finalidade que aínda descoñecemos". Porén, non se actúa por tanto sobre os regatos que constribúen en grande medida ás anegacións que cómpre frear e que se rexistran na zona do centro escolar ou a estación de autocarros. A respeito do río Celeiro "non se fai absolutamente nengunha actuación", sosteñen fontes da Plataforma en conversa con Sermos Galiza.

Un proxecto "moi agresivo" coas ribeiras e que dana "gravemente" o patrimonio

Para alén de supor unha inversión millonaria nunha zona de actuación moi reducida, o colectivo veciñal sostén que "as causas da inundacións non só non se corrixen senón que se agravan". Logo defenden que o Concello de Sarria, gobernado por José Antonio García (PP), vai desembolsar por volta de 7 millóns de euros para facer "nada". 

Mais ben, e segundo a opinión da Plataforma, para desfacer. Porque as mesmas fontes consultadas explican que o proxecto é "moi agresivo" coas ribeiras e dana "gravemente" o patrimonio histórico-artístico, cultural, ecolóxico e etnográfico da vila.

Por que? Porque a Confederación Hidrográfica levará por diante dúas pontes --o do Toleiro e o de Calvo Sotelo-- e elimínase unha illa que forman os muíños e que está habitada por ameneiros, especie arbórea ameazada e protexida que se dá por perdida en toda Europa. Todo un exemplo de bosque de ribeira autóctono da Galiza que sobreviviu á urbanización acometida xa noutrora nas marxes do río Sarria e que agora se pretende intensificar.

O Concello está a vulnerar o seu propio proxecto 

O proxecto sinala, aliás, que só se debe actuar nas marxes do río en épocas de estiaxe (cando o seu nível é máis baixo), polo que agora mesmo non se podería estar a realizar obra nengunha.

O propio proxecto sinala que en época de enchente non se poden encetar traballos nas marxes do río

Adega solicitou tanto a copia completa do estudo de impacto ambiental como a información relativa ao proceso de adxudicación dos traballos, pois a día de hoxe non se sabe cal é a empresa que os está a desenvolver. Sosteñen que o achegado polo goberno local é "un mal parche" que persegue un único obxectivo: o seu uso como instrumento para un plan de urbanismo ad hoc.

Por todo isto, a Plataforma Sarriana polo Río ten convocada para o domingo 23 de febreiro ás 13h unha concentración de protesto no propio Malecón. Que esixen? Que se paralicen as obras "de maneira inmediata", que se realice outro proxecto onde si se interveña sobre os ríos Sarria e Celeiro, mais tamén sobre os regatos que van desembocar a eles e que sexa respectuoso co patrimonio sarrián. Por derradeiro, unha vez que o proxecto coas condicións que propón a veciñanza fique elaborado, que se execute "con urxencia".