Comeza a inspección da maleza que rodea as casas para previr incendios

Tarefas de roza das marxes dunha estrada. (Foto: Xunta da Galiza)

A Administración poderá executar de maneira subsidiaria a limpeza das fincas cuxos propietarios non xestionasen a maleza en catro anos

A Xunta da Galiza comezou a inspección do estado de xestión de biomasa nas franxas secundarias (nos 50 metros ao redor de casas). No marco do novo plan de prevención de incendios, este labor verase complementado este ano coas brigadas municipais.

Perto de 1.000 operarios e operarias encargaranse das tarefas, entre efectivos de Seaga e brigadas municipais.

Como novidade deste ano, prodúcese unha modificación legal para maior axilidade das parcelas non limpadas polos seus propietarios.

No caso dos donos que non xestionasen a súa leira no últimos catro anos, abonda con que recibisen unha notificación de limpeza nese período para que a Administración poida entrar "sen máis advertencia" para unha execución subsidiaria.

89% dos municipios galegos están adheridos ao convenio de protección de aldeas, asinado pola Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipos e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga.