Comeza o Congreso Estatal de Astronomía: Con todos os sentidos nas ciencias do espazo

Do 9 a o 12 de outubro ten lugar na Coruña o Congreso Estatal de Astronomía (Foto: Penteas).
A Coruña acolle desde este sábado o XXIV Congreso Estatal de Astronomía, principal punto de encontro entre profesionais, asociacións e afeccionados ás ciencias do espazo. Unha oportunidade para coñecer e coñecerse, mais tamén para compartir e ampliar datos que poden ser a cerna de futuros descubrimentos. 

É a cita máis importante da astronomía afeccionada. Durante catro días vai xuntar na Coruña arredor de 200 persoas: científicas, investigadoras e amadoras dos astros, convocadas pola Asociación Astronómica Ío, para falar de observación, reivindicar a divulgación ou teimar na protección do ceo nocturno.

'Igualdade, equidade, diversidade e inclusión' é o lema deste XXIV Congreso Estatal de Astronomía (CEA), que centra a atención na desigualdade de xénero na ciencia e na accesibilidade. "Pensamos que unha ciencia que inclúe a todas é unha ciencia mellor", reivindican desde o colectivo Ío, un propósito que explica e reforza a presenza do investigador do CSIC no Instituto de Astrofísica de Andalucía, Enrique Pérez Montero, na conferencia inaugural.

Os sons do Universo

Ademais de investigador é cego, destaca en conversa con Nós Diario. Tras afiliarse á ONCE hai 10 anos comezou a facer divulgación da astronomía para persoas invidentes sen descoidar o seu labor como investigador no ámbito das galaxias e da formación estelar. "Para iso, tes que empregar outros recursos á marxe da vista. Comezamos a traballar con maquetas, materiais táctiles e descricións .completas e coa sonificación", un recurso que sobrepasa o interese das persoas cegas e que busca aproveitar o son como elemento para a divulgación.

Grupos de investigación liderados por científicos con discapacidade son máis produtivos e eficientes

A astronomía vai moito máis aló das imaxes que o ollo humano pode captar a través dun telescopio. "Esas vistas poden dotarse de sons e mellorar a comprensión da mensaxe. O uso da voz, da música, a conversión de datos en audio adáptanse a calquera necesidade de comunicación", asegura Pérez Montero. Non só se trata de ver, hai outras experiencias sensoriais que explican a astronomía.

A divulgación científica ocupa boa parte da súa axenda. Con todo, 90% do tempo é investigador. "As novas tecnoloxías permitíronme seguir traballando. Cun ordenador que che fala ou transmite a sons os datos pódese facer investigación a todos os niveis". E destaca unha publicación de Science desta mesma semana que apunta a maior produtividade de equipos liderados por científicos con discapacidade "son máis produtivos que outros menos diversos". 

Investigadoras noveis

Como científica e muller, a astrofísica de Boiro Isabel Rebollido asegura que estamos nun momento chave "para cambiar a ciencia a mellor". Un esforzo que esixe inclusión e diversidade para facer a ciencia accesíbel ás mulleres, ás persoas con discapacidade e a todos os colectivos raciais ou  discriminados. "Aínda hai moitos prexuízos que superar", afirma desde Baltimore (Maryland, EUA) onde traballa vinculada ao equipo científico do telescopio espacial James Webb

A presenza de Jocelyn Bell -o 21 de outubro na Coruña- é unha gran noticia, pola súas achegas científicas e o seu compromiso coa igualdade

Non pisará a Coruña mais será parte da mesa de investigadoras noveis cunha intervención sobre a complexidade dos sistemas planetarios. "Adoitamos pensar nunha estrela cunha morea de planetas ao redor. Pero hai máis: cometas, asteroides, po, lúas, planetas ananos. E non somos conscientes da relevancia deses obxectos menos masivos na súa evolución".

O que máis atrae a atención da xente é a posibilidade de encontrar vida, por iso Marte suscita tanta fascinación

O lanzamento do James Webb, previsto pola NASA para finais de ano, ten moito que ver con este tema que centrou a súa tese doutoral. O telescopio explorará un sistema planetario "cunha arquitectura moi particular" na contorna da estrela Beta Pictoris. "A oportunidade que dá un telescopio tan grande nunha franxa de lonxitudes de onda que non se poden observar desde a Terra é incríbel. E é moi emocionante poder participar do proxecto no momento en que comezo a voar soa".

Exploración espacial

Alejandro Cardesín leva máis de 15 anos vinculado ao centro de astronomía da Axencia Espacial Europea en Madrid. O seu campo de traballo son as misións de exploración do sistema solar, nomeadamente as "misións marcianas". "A idea é coñecer o máis que poidamos como funcionan os planetas veciños. Marte é un dos máis atractivos. Está perto e é o máis apropiado para a busca de vida, de aí que aglutine 11 misións en marcha. Venus era un dos esquecidos. Conta só cunha misión xaponesa pero vén de gañar unha europea e dúas da NASA que achegarán coñecemento".

En 15 anos, desde que se comezou a planificar Gaia, sabemos máis da Vía Láctea que nos 150 anos anteriores

Cardesín acompañará Pedro Duque, Michael Küppers e Eva Villaver nunha mesa redonda  sobre exploración espacial, antesala doutras propostas arredor da astronomía nun espazo que presume de unir profesionais e afeccionados. "Este exército de afeccionados que observan o ceo a diario é o que está máis perto da xente. Facilitan a divulgación e son unha fonte inmensa de datos".

Gaia, unha gran misión para o século XXI

Gaia é unha misión da Axencia Espacial Europea que busca "medir, catalogar e caracterizar con moita precisión a Vía Láctea", resume a astrofísica da UVigo Ana Ulla, membro do grupo galego para Gaia a canda Minia Manteiga e Ruth Carballo, presentes tamén no CEA, e enxeñeiros informáticos. Desde hai cinco anos participan na análise "dunha cantidade inxente de información" sobre as propiedades físicas, de posición, distancia e movemento das estrelas.  "Os resultados son espectaculares" e darán lugar a un catálogo final "moi refinado e accesíbel, con millóns de datos que poderán seguir explotando xeracións de investigadoras".