Comesaña reduce as mobilizacións no Baixo Miño a "unha folga da CIG"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento (Foto: Europa Press).
"Non teño unha vara máxica para facer que aparezan os profesionais", dixo, no Pleno do Parlamento celebrado nesta cuarta feira.

O deputado do BNG Manuel Lourenzo preguntou nesta cuarta feira no Pleno do Parlamento ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que medidas propón o Goberno galego para paliar o déficit de profesionais no Baixo Miño, unha situación agravada nos últimos meses que desembocou na convocatoria dunha folga de tres días —remata nesta quinta feira— e a celebración dunha multitudinaria manifestación polas rúas da Guarda na terza feira.

Neste senso, o nacionalista reivindicou o "exercicio de dignidade histórica" da veciñanza dos concellos afectados, que saíron á rúa ao berro de "máis médicos e menos propaganda".

Con todo, García Comesaña precisou que a folga "convocouna a CIG, non os profesionais". Aliás, matizou que "lle chaman o Baixo Miño, mais é da Guarda, O Rosal e Oia". Cómpre salientar, con todo, que todos os alcaldes e alcaldesas populares, socialistas e nacionalistas da comarca —incluídos Tomiño e Tui— apoiaron as mobilizacións e anunciaron novas accións de cara ao ano vindeiro.

O conselleiro, se ben recoñeceu que estes tres municipios sofren "un problema moi grave", xustificou que "de 13 prazas hai catro baixas de longa duración". "A Guarda é, en ocasións, o último destino, e non se cobre. Eu non teño unha vara máxica para facer que aparezan os profesionais", sostivo.

As urxencias de Moaña seguirán en Cangas

Por outra banda, García Comesaña afirmou que o servizo de urxencias sanitarias de Moaña, "de momento e por desgraza", seguirá a derivarse a Cangas. Díxoo en resposta á intervención do deputado nacionalista Paulo Ríos, que vencellou esta situación ao "proceso de desmantelamento do público" e acusou o Goberno galego de "enfrontar veciños con profesionais", o que, salientou, "levou os facultativos a solicitaren un garda xurado debido á tensión".

"Deixe as escusas de mal pagador, poña os médicos que fan falta e recuperemos as urxencias na nosa vila", subliñou o parlamentario. Porén, o responsábel de Sanidade retrucou: "O problema é que non os hai, esa é a realidade que vostedes non queren afrontar. Estamos traballando co ministerio buscando máis profesionais".

Aliás, instou as forzas políticas municipais de Moaña a "dar o paso" e habilitar o terreo previsto para construír o novo centro de saúde. "A Xunta leva esperando desde febreiro de 2020", lamentou.