Comesaña chama a "non facer trampas" e a comunicar todos os contactos estreitos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Europa Press)
Agochar contactos estreitos para salvalos dunha corentena pode levar a "sufrir unha evolución complicada do virus ou a contaxiar a outras persoas", advertiu; ao tempo que anima a poboación moza a participar nos cribados para a detección de asintomáticos.

A Consellaría de Sanidade apela á poboación máis nova a "extremar a precaución". Pide que acudan aos cribados para detectar casos de Covid-19 en asintomáticos e que faciliten todos os contactos estreitos cando se contaxien co fin de frear as cadeas de transmisión.

Segundo manifestou o conselleiro de Sanidade na rolda de prensa posterior ao Comité Clínico desta terza feira para dar conta das novas decisións adoptadas pola XuntaJulio García Comesaña comentou que o grupo de mozos de 12 a 29 anos concentra a maior parte de contaxios da Covid.

Neste sentido, incidiu, a Xunta centrará o seu "esforzo" na "capacidade diagnóstica" con máis cribados poboacionais mentres avanza o proceso de vacinación.

No caso concreto dos cribados, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, explicou que "se intensificaron" e detallou que a semana pasada foron citadas máis de 32.000 persoas, na súa maioría mozos de 12 a 29 anos. Porén, a porcentaxe de asistencia superou por pouco a metade. Alcanzou 54%, unha participación qeu serviu para detectar 1.218 positivos, un 3,77%.

Esta semana, explicou, Teñen previsto citar unhas 33.000 persoas no conxunto das áreas sanitarias galegas a probas PCR, test de saliva, test en farmacias e de antíxenos.

Frear os contaxios

O conselleiro de Sanidade lamentou a baixa participación detectada en cribados organizados en municipios cunha alta incidencia como se deu en Foz, Viveiro e Ribadeo. Neste sentido, avisou, "só a capacidade diagnóstica pode frear as cadeas de contaxios".

Por iso, apelou á responsabilidade de todas as persoas positivas e chamou a dar conta de todos os contactos estreitos. Segundo recoñeceu, o persoal rastrexador e da centralde seguimentos están a constatar unha "infracomunicación de contactos estreitos". É importante que non os omitan "para salvalos dunha posible corentena", dixo, ademais de advertir que ocultar un contaxio pode levar a "sufrir unha evolución complicada do virus ou a contaxiar a outras persoas", polo que insta a non "facer trampas".

Comesaña pediu "ese último esforzo" á poboación, en especial aos máis mozos aínda sen vacinar, "que aguanten un pouco máis" e que "acudan aos cribados".