Comesaña afirma que os problemas no Sergas "non son cuestión de pór diñeiro"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento (Foto: Europa Press)
O conselleiro de Sanidade sinalou o Ministerio de Sanidade como culpábel da falta de persoal.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, insistiu esta segunda feira en que o problema da sanidade pública galega "non é cuestión de pór diñeiro, senón de formar especialistas".

Neste sentido, Comesaña sinalou o Ministerio de Sanidade como encargado de regular as unidades docentes que forman profesionais sanitarios, e acusouno de levar desde 2018 "sen dar ningún paso neste sentido".

O conselleiro galego fixo estas declaracións antes da súa participación na xornada de actualización do Programa Galego de Atención ao Infarto de Miocardio.

As súas palabras chegan despois da petición realizada polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de asignar "140 millóns de euros adicionais" nos próximos orzamentos para "equiparar o investimento en Atención Primaria da Galiza co resto do Estado".

Comparecencia no pleno

Esta terza feira, o conselleiro de Sanidade comparecerá ante o pleno do Parlamento galego a petición propia — comparecencia previamente solicitada polo BNG—.

A maiores, o PSdeG introduciu unha interpelación que deberá responder Comesaña durante a sesión desta semana con "preguntas concretas" sobre, por exemplo, a falta de efectivos.

Asemade, o portavoz socialista, Luis Álvarez, formulará unha pregunta na sesión de control ao presidente da Xunta sobre os problemas na Atención Primaria e no servizo de Atención Primaria.