Colexios de xornalistas de todo o Estado secundan a manifestación do 6 de novembro en defensa da CRTVG

Redacción da CRTVG. (Foto: CRTVG)
A concentración, secundada por máis de 60 colectivos sociais, políticos e culturais da Galiza, ten por obxectivo exixir “unha CRTVG ao servizo do pobo”.

Os colexios profesionais de xornalistas da Galiza, Andalucía, Asturies, Cantabria, Castela e León, Catalunya, Murcia, Navarra, Euskadi e A Rioxa expresaron nun comunicado conxunto o seu apoio á manifestación convocada polo Comité Intercentros da CRTVG para o vindeiro 6 de novembro en Santiago de Compostela.

A concentración, secundada por máis de 60 colectivos sociais, políticos e culturais da Galiza, ten por obxectivo exixir “unha CRTVG ao servizo do pobo”, ao entender que os respectivos Gobernos de Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda na Xunta manteñen “secuestradas” a radio e a televisión públicas do país, “antepondo os intereses do PP aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público”.

Neste sentido, os colexios de xornalistas lembran que en marzo de 2019 xa fixeran público un manifesto no que reivindicaban a “necesidade” de que os medios públicos “teñan como principios reitores a calidade, a profesionalidade, a independencia, a pluralidade e a viabilidade”.

Os organismos colexiados salientan que estes principios son “esenciais” para garantir “unha información libre e ao servizo dos valores democráticos, que non estea pregada, como lamentabelmente é habitual, aos intereses políticos do momento”.

Reivindicacións compartidas

Os colexios de xornalistas afirman que comparten as mesmas reivindicacións que as entidades convocantes da manifestación, que reclaman que a CRTVG “garanta a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas e a calidade da propia democracia”.

Os colectivos tamén instan as Administracións galegas ao cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente a designación por unha maioría cualificada do Parlamento dun novo director xeral que substitúa Alfonso Sánchez Izquierdo.

Precisamente, as convocantes da manifestación acusan Sánchez Izquierdo de ser designado “a dedo hai 13 anos” por Feixoo, e cualifícano como “expresión dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público”.