Colexios e interiores, até cando será obrigatorio o uso da máscara?

O uso da máscara en exteriores deixou de ser obriogatorio con carácter xeral a primeiros de febreiro (Foto: Nós Diario).
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou este domingo que é "probábel" que esta semana se retiren as máscaras nos centros educativos galegos.

Este 14 de marzo fanse dous anos da declaración do primeiro estado de alarma por mor da pandemia da Covid. Dous anos de confinamentos severos, feches e restricións de mobilidade que deron paso a unha nova normalidade, cada vez máis palpábel.

Coincidindo con este aniversario Sanidade vén de anunciar que deixa de actualizar a diario os datos da Covid. Un paso máis nunha xestión renovada do coronavirus que as autoridades sanitarias avanzan aos poucos.

A gripalización da Covid mantense no horizonte, pero aínda non se describe ás claras. As únicas mudanzas, polo momento, afectan ao rastrexo e ao seguimento dos casos, a piques de dar o salto cara a un escenario no que a definición de casos positivos e a vixilancia de casos se vai limitar ás persoas máis vulnerábeis.

A vacinación continúa pero volve afastarse dos grandes recintos para continuar nos hospitais, e na rúa, o debate sobre a permanencia das máscaras en determinados espazos, persiste.

Até cando serán obrigatorias?

Nunha entrevista concedida á Radio Galega este domingo, o conselleiro de Sanidade insistiu en que o Goberno galego consultará co Comité Clínico a retirada das máscaras nas aulas nas tras finalizar a segunda dose nas crianzas, como se comprometera.

Cuestionado sobre cando se estenderá a retirada das máscaras a outros ámbitos, Julio García Comesaña amosouse prudente e asegurou que se irán dando "pequenos pasos", pero que chegará "máis pronto que tarde" con "prudencia" e analizando "aos poucos" cada avance, en liña co expresado pola ministra Carolina Darias.

O catedrático emérito en Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Juan Gestal, considera, en declaracións a Nos Diario, "que aínda debemos agardar un pouco", especialmente na Galiza, onde as incidencias aumentaron nos últimos días polos efectos do Entroido.

Gestal avoga por manter a máscara en interiores, "e debe ser unha máscara FFP2 ben axustada".

Sobre os cambios na xestión dos casos positivos e dos seus contactos, o experto advirte que é o momento de ir deixando atrás "as restricións". A situación epidemiolóxica permíteo. "As rebaixas na duración das coarentenas é un risco perfectamente asumíbel, así como que non teñan que facela os contactos vacinados de positivos". Se ben, recomenda que extremen as medidas de vixilancia e prevención durante os sete ou dez días tras o último contacto. "Os positivos deben seguir facendo coarentenas con independencia de que presenten ou non síntomas".

Máxima eficacia biolóxica

De cara ao futuro, Juan Gestal non perde de vista a "elevada transmisibilidade" da variante Ómicron. "É o virus máis transmisáibel de toda a historia da humanidade, máis que o virus do sarampelo". Só na sexta vaga produciu mais de 6,2 millóns de casos, dos 11,2 millóns rexistrados na pandemia en todo o Estado.

Tamén destaca o seu "elevado escape inmune, que lle permitiu producir o maior número de reinfeccións e infeccións de vacinados de toda a pandemia".

Todo isto, di, apunta "que o virus puido ter alcanzado xa a máxima eficacia biolóxica, e non vai ser doado, pero tampouco imposíbel, que apareza unha variante máis transmisíbel e con maior escape inmune". 

Por outra parte, engade “a súa benignidade". "Máis de 95% das infeccións son asintomáticas ou leves e isto fainos pensar que se está adaptando a convivir con nós. Os virus respiratorios están comezando a circular con mais forza, e xa van aló máis de dous anos, o tempo que duraron as pandemias respiratorias dos últimos 130 anos". 

O catedrático da USC confía en que "agora si, remate". De ser precisa o próximo outono-inverno, anticipa, "a vacinación xa será personalizada".