Ensino

A segregación por sexo continúa nos colexios concertados do Opus Dei malia prohibilo a lei

Tres rapaces dirixíndose á escola. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
Segundo datos facilitados pola Consellaría de Educación á CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, os catro centros con réxime de concerto que tradicionalmente recorreron a esta práctica —Montespiño, Peñarredonda, Las Acacias e Montecastelo— seguen sen dispor de matrículas mixtas nalgúns cursos de Primaria e Secundaria.

A entrada en vigor da nova Lei de educación, coñecida tamén como Lomloe ou 'Lei Celaá' —pola súa promotora, a daquela ministra Isabel Celaá—, puxo en xaque os centros de ensino que aínda seguen a segregar o alumnado con sexo, pois impide explicitamente que reciban financiamento público. Na Galiza, porén, o sindicato maioritario no ensino, a CIG, leva tempo advertindo do incumprimento desta norma por parte da Xunta da Galiza, que en agosto pasado renovou os concertos cos catro colexios do Opus Dei que tradicionalmente se caracterizaron por recorrer a esta práctica.

Son os colexios Montespiño e Peñarredonda, na Coruña, e Las Acacias e Montecastelo, en Vigo, e segundo datos facilitados pola Consellaría de Educación á CIG-Ensino, non hai ningunha matrícula mixta nestes centros, malia haber prazas dispoñíbeis dentro das ratios máximas de alumnado por aula, nin en 1º de Primaria nin en 1º de Secundaria. "Resulta cando menos sorprendente", salientan desde o sindicato.

Estes catro colexios ofrecen as etapas completas de Primaria e Secundaria con réxime concertado e para o presente curso 2023-24, ademais, lograron doce novos concertos para as mesmas unidades en Educación Infantil, mais só en Las Acacias e Montespiño, os dous centros tradicionalmente ofertados como femininos, algo que chama a atención da CIG.

"É moi relevante que a Inspección educativa da Consellaría, dado que a Administración asume esta información como oficial, revise se estes datos son correctos e por que segue sen haber ningunha matrícula mixta nos niveis de Primaria e a ESO en ningún dos catro centros", salientan desde o sindicato. Neste senso, consideran "chave" coñecer se a matrícula estivo aberta "tanto para nenos como para nenas", dado que o primeiro curso das etapas de Primaria e Secundaria "segue sendo integramente feminino ou masculino en cada centro".

COLEXIO / CURSO

1º Primaria (nenas) 1º Primaria (nenos) 1º ESO (nenas) 1º ESO (nenos)
Montespiño (A Coruña) 21 0 29 0
Peñarredonda (A Coruña) 0 20 0 24
Las Acacias (Vigo) 24 0 28 0
Montecastelo (Vigo) 0 25 0 24

*As ratios nestes niveis son de 25 alumnos e alumnas por aula en Primaria e 30 na ESO. (Fonte: CIG)

A CIG-Ensino conclúe que, "malia a maquillaxe, cando menos de cifras na etapa de Infantil nos dous colexios femininos", estes centros "seguen incumprindo a normativa vixente para manter os concertos", polo que insta a Consellaría a investigar se hai ou non, "como parece indicar", indicios de fraude no proceso de escolarización de alumnado de ambos os dous xéneros.

"Do contrario, só cabería concluír que existe unha clara conivencia entre a Consellaría de Educación e os centros vinculados ao Opus Dei para permitir que, malia segregaren o seu alumnado en contra do que se indica na Lomloe, se manteña unha práctica ilegal e contraria ao principio da coeducación e da igualdade entre homes e mulleres", censuran.

Precisamente esta terza feira, 23 de xaneiro, a Consellaría outorgou unha nova liña de axudas a estes catro centros vinculados ao Opus Dei, neste caso para atender o alumnado con necesidades específicas. En conxunto, Montespiño, Peñarredonda, Las Acacias e Montecastelo recibirán 11.407 euros adicionais para tal fin.