O Colexio de Xornalistas pide "respecto" para o xornalismo e os profesionais durante a campaña

colexio xornalistas
A través dun comunicado, insta as candidaturas a que se comprometan "a contratar xornalistas" para os postos informativos nas institucións e a asinar o 'Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística' desde as distintas administracións.

O Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza (CPXG), ante o inicio esta medianoite da campaña para as eleccións municipais do 28 de maio (28-M), pide a todos os partidos que concorren "respecto" polo traballo dos xornalistas e polo dereito á información da cidadanía.

De igual modo, a través dun comunicado, insta as candidaturas a que se comprometan "a contratar xornalistas" para os postos informativos nas institucións e a asinar o 'Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística' desde as distintas administracións.

“Que brille o xornalismo”

O colexio considera que a cita coas urnas debería "significar unha oportunidade para que brille o mellor xornalismo". A pesar diso, recoñece que "en demasiadas ocasións" acaba sendo un "estado de excepción do dereito para informar".

Neste sentido, o colectivo profesional denuncia que os bloques de información electoral "que se impoñen" aos medios audiovisuais nas campañas supoñen "un atentado contra os criterios electorais e priman a propaganda sobre o interese informativo".

De feito, o colexio cre que "cada vez son máis numerosas as trabas" á liberdade de prensa, a través de vetos, limitacións aos debates e os actos sen preguntas, entre outros. Por iso, a xunta de goberno desta entidade chama aos distintos partidos a pór "punto final a todas estas prácticas".

"A deontoloxía profesional das e dos xornalistas é a mellor garantía de que a elección de voto da cidadanía se realice en total liberdade e estea baseada nunha información fonda, veraz e obxectiva", insiste o Colexio de Xornalistas.

Ademais, reclama ás candidaturas que ratifiquen o 'Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística' -xa asinado por institucións como a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)-, que reclama a creación de postos específicos nas estruturas das administracións nos que sexa necesario ter o título universitario correspondente.