O Colexio de Traballo Social exixe á Xunta "máis servizos públicos e menos bonos"

A espera na Galiza para dependencia duplica o máximo estabelecido por lei. (Foto: Xunta)
O colexio refírese con esta campaña ao bono 'coidado no fogar' que a Xunta comezará a aplicar no principio do ano.

Coa campaña 'Máis servizos públicos e menos bonos', o Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza reclama á Xunta unha solución estrutural aos "atrasos" na tramitación de graos de dependencia e un "maior investimento" de recursos públicos neste ámbito. O colexio refírese con esta campaña ao bono 'coidado no fogar' que a Xunta comezará a aplicar no principio do ano.

O colexio oficial considera que este bono —pagamento anual de 5.000 euros para coidar de persoas con dependencia recoñecida no seu fogar— é unha "medida puntual" que "non solucionará" o problema estrutural que "sofre" o sistema da dependencia na Galiza.

"Seguirán os atrasos na valoración da dependencia, non haberá máis prazas nas residencias públicas e o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) continuará sendo moi limitado", denunciou esta cuarta feira a presidenta do colexio, Miriam Rodríguez. Así mesmo, o colexio oficial manifesta que os servizos máis demandados actualmente polas persoas dependentes son as residencias públicas e o Servizo de Axuda no Fogar. "O bono fomenta a privatización, en lugar de investir en servizos públicos de calidade, como as residencias ou o SAF", engadiu a presidenta.

Sobrecarga laboral

A entidade denunciou tamén esta cuarta a "falta de información" aos profesionais, a pesar de que na propia campaña da Xunta se indica que os traballadores sociais "axudarán" a solicitar o bono. A presidenta do colexio sinalou que estes anuncios "sen concrecións" supoñen un "colapso" nos servizos sociais. O colexio denunciou tamén a "sobrecarga" de traballo nos órganos de valoración da dependencia.