Colexio Oficial de Médicos estuda levar á Fiscalía o cesamento polo Sergas da xefa de servizo que criticou xestión do coronavirus

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (Sergas)

Anuncia que a súa comisión deontolóxica vai valorar a decisión do xerente da área sanitaria de Vigo e xustificada por Núñez Feixoo. Eva Maquieira criticara no seu FB a desprotección coa que o persoal tiña que combatir a COVID-19

O cesamento polo Sergas da xefa de Servizo do Hospital de Vigo que criticou a xestión do coronavirus non gosta no Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, que cualifica de “improcedente” esa decisión e informa que a levará ao seu comité deontolóxico.

Neste órgano valorará se “hai lugar” para levar esta decisión xustificada por Núñez Feixoo perante a Fiscalía. O Colexio manifesta o apoio a Eva Maquiera, a destituída, e defende as posicións destab facultativa reivindicando máis material para o persoal sanitario. “Non fixo máis que reivindicar o que este Colexio vén demandando”, afirman nun comunicado.

O Colexio incide no “risco” no que está a incorrer o persoal sanitario na loita contra o coronavirus e insta a administración a dotar de matrial específico a estas profesonais “no menor espazo de tempo posíbel”.

O post no facebook de Eva Maquieira, moi crítico coa xestión da crise do coronavirus por parte dos responsábeis sanitarios, e que está na orixe da decisión de cesala, estendeuse polas redes sociais e foi partillado por moitos profesionais sanitarios.

Afirmaba aí que “sentín moita rabia e impotencia, recoñézoo. Sobre todo ante a falta de liderado por parte dos mandos directivos da Sanidade Galega (aqueles que traballan desde despachos mais non con pacientes reais)”.

Afirma que “fun criticada e reprendida polos meus mandos superiores por empregar máscaras cirúrxicas desde hai unha semana na miña actividade diaria no hospital, sobre todo en curas e consulta, onde é fisicamente imposíbel manter a tan pregoada distancia de 1 metro”.