O colexio médico denuncia pola vía penal as xerencias de Pontevedra e Vigo pola "sobrecarga" de traballo

Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, nunha imaxe de arquivo. (Foto: CRTVG).
O colectivo pretende que "se depuren responsabilidades" polos prexuízos que puidesen "ter as e os colexiados e os pacientes" pola carga asistencial que se soporta actualmente. A parte denunciante asegura que antes de dar o paso ante a Xustiza intentouse unha negociación coas autoridades sanitarias da Galiza.

O Colexio de Médicos de Pontevedra comunicou esta sexta feira que denunciou pola vía penal as persoas dirixentes das áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra para que se "depuren responsabilidades dos prexuízos" aos que poidan estar sometidas tanto as colexiadas como as pacientes pola "sobrecarga" de traballo que soporta a sanidade pública.

A entidade afirma, a través dun comunicado, que facultativas que pertencen á institución "acudiron repetidamente ás autoridades sanitarias e colexiais expoñendo razoadamente os motivos de diversas queixas, así como as circunstancias da sobrecarga profesional ás que se vían sometidas". É dicir, houbo un intento de achegamento para negociar coa administración.

Nestes encontros, alertaron de que a situación asistencial "non soamente representaba un risco persoal para o médico de caer enfermo polo sobreesforzo permanente, senón para os propios pacientes, a cuxa atención non podía dedicar o tempo necesario nin a reflexión diagnóstica precisa". Neste sentido incidiron en que "non teñen posibilidade de lograr a correcta atención de todos os pacientes que se inclúen nas axendas dunha xornada".

"Todo isto prívalles dunha asistencia que, en moitos casos, podería ser decisiva para evitar riscos de gravidade", lamenta o colexio, que unha vez escoitadas diferentes testemuñas puxo as súas versións "en coñecemento das diferentes autoridades sanitarias, pero, lamentabelmente, pola Administración continúase cun ominoso silencio e non se adoptan medidas minimamente eficaces para sequera paliar as disfuncións" máis grandes.

"Todas estas circunstancias están agravadas en canto a que a actual pandemia de Covid-19 segue poñendo en primeira liña de combate, para facer fronte á mesma, á Atención Primaria e múltiples servizos hospitalarios", critica o colectivo, que incide no incremento dos riscos pola crise sanitaria.

"Non é preciso neste momento que detallemos como a  inacción administrativa denunciada puidese dar lugar a diferentes delitos, o mesmo que a irregular esixencia de sobreesforzos profesionais aos médicos puidese resultar tamén afectada de ilexitimidade penal, coma infraccións da lei de riscos laborais, tal e como está denunciado polos sindicatos", expuxo o colexio pontevedrés.

A demanda foi admitida a trámite tanto nos xulgados de Pontevedra como nos que Vigo.