Enfermeiras Eventuais en Loita: "Non podemos máis"

Mobilización do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita ás portas do Hospital Universitario de Ourense antes da pandemia.
O colectivo de enfermeiras temporais do Sergas incide na falta de persoal para cubrir as necesidades "xa non só estivais senón asistencias derivadas da propia pandemia"

"Insostíbel". Así é a situación actual na sanidade pública para as enfermeiras eventuais do Servizo Galego de Saúde que dende hai anos denuncian a falta de profesionais e a precariedade laboral á que están expostas.

Segundo reafirman nun comunicado dirixido aos medios de comunicación, a carencia de persoal na sanidade pública é unha eiva persistente. "Levamos anos pedindo máis persoal para a sanidade pública, avisando que este sistema de contratación é insostíbel".

As carencias fixéronse máis visíbeis coa chegada da pandemia. Durante a crise sanitaria, censuran, "tivemos que ler titulares ofensivos e incluso declaracións por parte do presidente Alberto Núñez Feixoo afirmando que as enfermeiras do Sergas non queren traballar. E o que realmente non contan son as condicións laborais as que someten as súas profesionais". 

Intransixentes coa precariedade

Por iso, manteñen que "vocación e compañeirismo" non supoñen consentir "nin submisión nin precarización laboral, nin antes nin durante a pandemia sanitaria" e foxen da idea de ter que se converter en "salvadoras do sistema" a calquera prezo.

"A falta de enfermeiras para cubrir as necesidades xa non só estivais senón asistencias derivadas da propia pandemia é unha realidade. Non hai persoal suficiente na maioría das áreas". E a carencia de persoal non se debe a que as enfermeiras non queiran traballar, aclaran, senón a que non ceden á "a precariedade laboral do Sergas", buscando alternativas e mellores condicións na sanidade privada e mesmo noutros territorios.

"De que serven medallas e premios se no noso día a día non sabemos cando traballamos? Temos persoal insuficiente, que leva moitos contratos acumulados de días soltos, 1 semana, 15 días ou 1 mes durante máis dunha década".

Esgotadas

As enfermeiras eventuais decñaranse "mentalmente esgotadas grazas ao sistema de contratación da Xunta da Galiza". Esgotadas de dalo todo dentro e fóra das unidades Covid, sen descansos, en moitos casos, entre contratos. "Estamos cansas de que se mostre cara á galería unha realidade ficticia dun sistema de sanidade pública que ten o 40% do persoal eventual", recalcan.

Así, denuncian un recorte continuo dos seus dereitos como traballadoras da sanidade pública que "repercute directamente na calidade asistencial", sometidas a sobre esforzos, dobrando quendas, sen poder coidar das persoas doentes como quixeran, sen atender a súa propia saúde física e mental.
"Non podemos máis", afirman, polo que instan á presidente da Xunta a corrixir as eivas do sistema de contratación e deixar de "estirar a corda".