O Colexio de Educadoras Sociais reclama a Sanidade que conte con estas profesionais no Plan de saúde mental

Profesionais do Sergas (Foto: Xunta da Galiza).
O Colexio profesional de educadoras e educadores sociais da Galiza mantivo unha xuntanza coa Consellaría de Sanidade coa intención de reclamar que a administración pública conte con profesionais da Educación Social no deseño das estratexias e plans de saúde mental. 

Representantes do Colexio profesional de educadoras e educadores sociais da Galiza (Ceesg) mantiveron esta cuarta feira, 1 de setembro, unha xuntanza coa Consellaría de Sanidade coa intención de reclamar que a administración pública conte con profesionais da Educación Social no deseño das estratexias e plans de saúde mental

No encontro, o Ceesg obtivo o compromiso por parte da Consellaría de abrir unha nova vía de colaboración para que o Colexio poida estar presente nas diferentes mesas de expertas que se estabelezan.

A reunión parte do escrito remitido en xaneiro á Consellaría, logo da publicación do Plan de saúde mental da Galiza poscovid19 2020-2024, e no que a Xunta "non tivo en consideración a contribución das e dos profesionais da Educación Social, a pesar de ser traballadoras esenciais antes, durante e despois da pandemia; e a pesar de ser profesionais de referencia para moitas usuarias e familias destes recursos de atención”, sinalou o Ceesg nun comunicado.

Durante a reunión, Sonia González e Laura González, do Ceesg, puxeron de manifesto a necesidade de elaborar “un plan que se axuste ás necesidades reais da cidadanía, como é o acompañamento de persoas usuarias e familias nos procesos de recuperación, as accións comunitarias e o traballo socioeducativo e sociosanitario desde a proximidade, cunha atención centrada nas persoas, nas súas necesidades e prioridades”. 

O Ceesg tamén lembrou a Sanidade que o organismo público ten numerosas peticións das e dos profesionais da Educación Social sen responder desde 2019, e que estas foron trasladadas á Administración antes da pandemia, como é a petición de incluír profesionais da Educación Social en todos os equipos de traballo do ámbito da saúde mental e de prevención e atención ás adiccións ou a creación da categoría profesional Educador Social no cadro de persoal do Sergas. 

Ao fío, o Ceesg lembrou a necesidade de deseñar e pór en marcha diversos programas continuos de intervención precoz e de prevención, ademais de recursos para persoas maiores de 65 anos, nos que a figura profesional da educadora social “pode achegar unha clara mellora na atención á cidadanía e favorecer, por tanto, o benestar das persoas ou comunidades destinatarias destes programas”.

Na xuntanza telemática, o Colexio tamén apuntou a importancia de que a Consellaría escoite e teña en conta ás profesionais que forman a Rede de Tratamento de Condutas Aditivas de Galiza, entre as que se atopan as educadoras sociais, pois “son as profesionais que coñecen, de primeira man, as necesidades reais deste colectivo”.