O Colexio de Bioloxía carga contra a Xunta pola convocatoria dunha praza desta especialidade

colexio biologos

O Colexio Oficial de Bioloxía de Galiza denuncia que a Xunta  permite que calquera persoa titulada nunha licenciatura ou grao da rama da ciencias poida presentarse a unha praza de bióloga na Administración autonómica. Chama a rectificar a convocatoria, para limitar o acceso a esta praza a persoas tituladas en bioloxía.

O organismo profesional emitiu nas últimas horas un comunicado no que cualifica de "disparatada" a homologación de todas as titulacións da rama de ciencias na convocatoria de emprego público da Administración galega para unha praza da especialidade de bioloxía, que permite concorrer "opcións académicas dispares".

O Colexio advirte de que a convocatoria está aberta a calquera persoa cun título universitario na rama de ciencias: bioloxía, bioquímica, ciencias ambientais, ciencias do mar, cienciase ténicas estatísticas, física, xeoloxía, matemáticas, química e enoloxía.

"Existe unha regulación específica da profesión de bióloga, perfectamente definida e diferenciada das demais da rama de ciencias, o que permite concluír que á especialidade de bioloxía debe accederse exclusivamente coa titulación de bioloxía", subliña o colectivo profesional.