Crise dos pellets

A Xunta foi informada da chegada dos 'pellets' o 14 de decembro

Un voluntario recollendo 'pellets'. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
'Prestige' e 'pellets' non son comparábeis en canto a impacto e dimensión da catástrofe mais teñen máis cousas en común que o de que ambos os dous sucesos acontecesen na costa galega. Tanto daquela como agora o Goberno actuou tarde, hai acusacións de neglixencia e episodios de desinformación.

Os 'pellets' xa están presentes ao longo da costa galega, desde a ría de Vigo até a de Ribadeo. "Que cheguen á costa é o sinal dun fracaso, a constatación de que non funciona o sistema ou protocolo de protección das nosas costas", lamenta Xaquín Rubido, biólogo e portavoz de Nunca Máis. Unha opinión que partillan desde a Asociación de Titulados Náutico Pesqueiros (Aetinape), que afirma que a chegada por millóns destas bolas de plástico "deixa en ridículo" o funcionamento dos dispositivos de vixilancia costeira e de control ambiental que desempeñan, respectivamente, Estado e Xunta da Galiza.

"É unha nova vergoña internacional nivel Prestige", critican. A Fiscalía de Medio Ambiente —dependente da Fiscalía Xeral do Estado— anunciaba hoxe que abría dilixencias de investigación sobre a chegada de 'pellets', materiais que, segundo a Fiscalía "presentan indicios de toxicidade", "non son biodegradábeis" e "non poden eliminarse", ao contrario do asegurado na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Medio Ambiente, que advertira de que as bolas de plástico "non son tóxicas nin perigosas".

Desde o sector do mar, o presidente da Federación estatal de Confrarías de pescadores, Basilio Otero, chamou a atención sobre o feito de que os 'pellets' permanecerán "meses ou anos pululando" co impacto que poida ter na cadea trófica e no medio mariño.

Pola súa parte, Juan Bellas, do Grupo de Contaminación Mariña do Instituto Oceanográfico de Vigo-IEO, explicaba en conversa con Nós Diario que a "chegada masiva" á costa galega de millóns de bolas de plástico poden derivar nun "impacto importante". Lembra que os microplásticos son inxeridos polos organismos mariños, con todo o que iso implica. A respecto do plástico, advirte de que este pode vir "acompañado" de "ducias de substancias químicas" ou "aditivos" que se empregan para ter máis resistencia ou para non perder a cor.

26,25 toneladas de 'pellets'

Hoxe a Delegación do Goberno español deu a coñecer que Maersk, armadora do cargueiro Toconao, responsábel das verteduras, informou de que o buque perdeu cinco colectores, un deles con 26,25 toneladas de 'pellets' repartidos en 1.050 sacos de 25 kg cada un. Os outros catro colectores contiñan pneumáticos, barras de aluminio e rolos de papel de plástico.

A falta de control nas verteduras non é a única comparación co acontecido 23 anos atrás. "Como cando o Prestige, agora son tamén Concellos e a veciñanza quen fan fronte ao problema ante unhas autoridades desaparecidas", denuncia Rubido. A "desaparición" da Administración galega é partillada por alcaldesas como a de Muros, María Lago, ou por concelleiras como a de Medio Ambiente de Ribeira, Antía Alberte.

A Xunta foi informada dos 'pellets' o 14 de decembro

Precisamente, a responsábel de Medio Ambiente no concello do Barbanza lembra, en conversa con Nós Diario, que o Executivo desta localidade trasladou á Administración galega un informe o 14 de decembro, data na que detectaron e limparon 'pellets' en praias do municipio. Unha afirmación que desmente o apuntado este sábado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares de que a Xunta soubo da vertedura de 'pellets' hai dúas semanas.

A falta de información ou directamente a desinformación é outra das acusacións que a Xunta da Galiza está a recibir, e do que tamén fora obxecto cando sucedeu a catástrofe do Prestige. O artigo 9 da Lei 27/2006 sobre acceso á información ambiental dispón que a Administración debe difundir “inmediatamente e sen demora” os datos sobre ameazas á saúde humana ou ao medio ambiente, para que o público poida previr ou limitar os danos. Porén, a Xunta da Galiza, á cal o Concello de Ribeira se dirixira para informar da aparición das bolas de plástico o 14 de decembro, só se pronunciou cando esa alerta xa a deran colectivos como 'Noia Limpa'.

Precisamente, o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e o de Vilagarcía, tamén presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, criticaron a falta de información por parte do Goberno galego máis alá da carta remitida a pasada semana a alcaldes e alcaldesas a través da que lles lembraba que limpar as praias é unha competencia municipal.

Críticas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciaba esta segunda feira a respecto da actual crise dos 'pellets' que "se está a repetir o protocolo do Prestige" e incidía  na "responsabilidade" tanto da Xunta da Galiza como do Estado  español no que está a acontecer nas costas da Galiza. A líder nacionalista, ademais, exixiu ao Goberno galego "que faga público" o informe que nega a toxicidade dos 'pellets' e que "o remita de inmediato ao Parlamento da Galiza". "Case un mes despois da marea de plástico que afecta o noso litoral é hora de que os galegos e as galegas teñan información veraz e contrastada", concluíu.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamou hoxe a Alfonso Rueda que “deixe de mentir e ocultar o que está a pasar” coa "marea de pellets". “Comprobamos outra vez que a Xunta está a mentir nun accidente ambiental”, asegurou.

Por outra parte, Podemos informou hoxe de que presentou unha denuncia nos xulgados de Noia por un presunto delito contra a saúde pública ante a vertedura de 'pellets'. Ademais, Ecoloxistas en Acción anunciou que se querelará contra a navieira propietaria do buque.

Pola súa parte, Adega instou hoxe o Executivo galego a activar o nivel 2 de alerta no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galiza (Camgal), co fin de solicitar ao Goberno español o apoio con medios marítimos —buques e barreiras anti-contaminación— para conter a extensión da vertedura.