Colectivos unen forzas en Rianxo contra o impacto ambiental do proxecto de Altri

Porto, Eirexas, Muíños e Gontá, este sábado en Rianxo (Foto: Ulloa Viva).
Representantes da Plataforma Ulloa Viva, da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), do sector marisqueiro e do BNG participaron este sábado en Rianxo (comarca do Barbanza) nunha mesa redonda sobre o proxecto de Altri no municipio de Palas de Rei (comarca do Barbanza).

Representantes da Plataforma Ulloa Viva, da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), do sector marisqueiro e do BNG participaron este sábado en Rianxo (comarca do Barbanza) nunha mesa redonda sobre o proxecto de Altri no municipio de Palas de Rei (comarca do Barbanza). Nesta xuntanza, pediron á Xunta da Galiza que explique o plan da multinacional.

A portavoz de Ulloa Viva, Marta Gontá, aproveitou para informar á veciñanza do Barbanza do "desastre ambiental e socioeconómico" que considera que Altri suporía “para Palas, A Ulloa, o río Ulla, os 146.000 habitantes dos 11 municipios que beben da auga deste río e para a produción marisqueira da ría de Arousa".

"Somos as plataformas veciñais, as mariscadoras e as asociacións ecoloxistas as que temos que vir informarvos, porque a Xunta non dá a cara", criticou Gontá, que convidou unha vez máis ao presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e ás conselleiras de Medio Ambiente e de Economía a "deixar de falar nos medios de proxectos tractores, redondos e supersostíbeis" e que vaian "ás zonas afectadas a dicirlle á cara aos veciños que isto non é unha celulosa".

Así mesmo, destacou que non é a Plataforma a que "inventa os datos", senón que están "no proxecto de Altri publicado no Diario Oficial da Galiza [DOG]". Un proxecto que ocupará "366 hectáreas cunha cheminea de 75 metros, que vai producir 400.000 toneladas de celulosa e 250.000 de lyocel e que necesita 46 millóns de litros da nosa auga ao día, que fará verteduras contaminadas ao Ulla e que, aínda por encima, quere 250 millóns de euros de diñeiro público", expuxo.

Pola súa parte, o secretario técnico de Adega, Fins Eirexas, sinalou que Altri "non pode ocultar o proxecto agora que está no DOG", polo que "ten que contar a verdade, o de Palas é unha celulosa das de toda a vida".

Da mesma maneira, a presidenta da Agrupación de Mariscadoras a Pé de Carril (Vilagarcía de Arousa, O Salnés), María Porto, explicou que a cantidade de auga que Altri pretende consumir no encoro de Portodemouros (entre as comarcas do Deza, da Terra de Melide e de Arzúa) "restaríalle caudal ao río, provocando que a contaminación chegue menos diluída e producindo máis danos aos bancos marisqueiros da ría de Arousa".

Tamén o responsábel comarcal do BNG do Barbanza, Adolfo Muíños, fixo referencia a como afectaría este proxecto ao sector mar-industria da zona, xa que, segundo apuntou, as fábricas de conserva teñen "un consumo moi grande de auga". "Preocúpanos que se se consome moito, o río non leve caudal suficiente e acabe derivando en problemas de abastecemento á rede da industria conserveira da zona", sinalou.