"Ante a falta de uniformidade e coherencia dos protocolos de atención ao parto e nacemento dos hospitais galegos durante a crise da COVID-19", os colectivos e asociacións de mulleres dirixironse á Consellería de Sanidade "e a toda a sociedade galega" para expresar a súa preocupación pola "falta de respecto" dos dereitos sanitarios das mulleres embarazadas, dos neonatos e das súas familias na Galiza.
Os colectivos indican que desde a imprantación do Estado de Alarma polo COVID-19, as mulleres acoden á experiencia doutras mulleres a través das asociacións de lactancia ou de comunidades online como Embarazadas Galicia, que está a recibir a diario mensaxes coas experiencias, dúbidas e medos das xestantes, no tocante á súa relación cos centros hospitalarios.
Neste contexto, sinalan que as embarazadas "están a ver que as recomendacións actuais da Sociedad Española de Ginecología e Obstetricia (SEGO,) das asociacións de matronas, da Organización Mundial da Saúde (OMS) ou as da Consellería de Sanidade da comunidades como a valenciana "son difíciles de acadar na Galiza".
Por unha banda, os estritos protocolos definidos por algúns centros "xeran unha situación de discriminación ao determinar o lugar de residencia se vas a poder parir con acompañante ou non". Por outra, "nos poucos protocolos de hospitais aos que as embarazadas puideron ter acceso" atoparon "medidas carentes de respaldo na evidencia científica actual".
Por iso, en representación das "miles de familias" ás que axudan desde estes colectivos e asociacións de mulleres, instan á Consellería de Sanidade da Xunta da Galiza a tomar "as medidas precisas para que a situación de desconcerto e discriminación xerada entre as mulleres que van dar a luz durante a pandemia chegue á súa fin", e insisten en demandar "que se unifiquen os protocolos de actuación en todos os hospitais", porque o decreto do estado de alarma "non limita os dereitos das mulleres embarazadas como usuarias da Sanidade en canto á toma de decisións no que respecta aos detalles do seu parto".