Colectivos de Lugo promoven un manifesto en defensa do Val do río Rato e contra a Rolda Leste

Inmediacións do río Rato en Lugo (Foto: Adega).
Os grupos asinantes do manifesto aseguran que a construción da rolda leste carece de avaliacións ambientais.

Unha vintena de colectivos ambientalistas, sociais e culturais e partidos políticos de Lugo entre os que se encontran a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), a Asociación as carballeiras de Bosende ou a Asociación Galega de Custodia do Territorio, veñen de asinar un manifesto na defensa do val do río Rato, “pulmón verde de Lugo”, ameazado polo proxecto de construción da Rolda Leste.

Todos os colectivos e persoas a nivel individual que quixeren poden asinar o manifesto “Salvemos o val do río Rato (pulmón verde de Lugo), non á rolda leste”.

Os colectivos e persoas individuais asinantes opóñense “á construción da rolda leste polos motivos que se sinalan no manifesto”.

Argumentos

Entre os diferentes motivos, os asinantes afirman que “foi proposta para unha cidade de máis de 250.000 habitantes, prevendo que a poboación de Lugo no ano 2020 sería de 115.000 habitantes, cando a día de hoxe non chega aos 100.000. As vías existentes teñen capacidade para asumir o tráfico da cidade. Non hai ningún estudio de mobilidade que xustifique a construción desta autovía e no que se avalíe a repercusión que vai ter sobre a mobilidade da cidade”.

Sobre o impacto ambiental, os grupos asinantes aseguran que o “trazado proxectado causaría un impacto irreversíbel sobre unha das zonas máis valiosas de Lugo. Crearía unha fronteira de asfalto, fragmentando o territorio e provocando a consecuente degradación dos bosques autóctonos da zona, así como dos camiños históricos e todo o patrimonio asociado, degradaría totalmente a paisaxe dunha zona privilexiada e protexida dentro do Plan Especial de Protección do Río Miño”.

Para alén deste argumentos, manifestan que a construción da rolda leste carece de avaliacións ambientais: “A Xunta da por válida a declaración de impacto ambiental de hai 19 anos. As modificacións no trazado como a construción dun terraplén de 23 metros de altura (é dicir coma un edificio de 7 plantas de altura) no rego Samai non son avaliados ambientalmente. Tampouco se adapta aos requirimentos ambientais actuais, nin foi avaliada no seu momento a afección a especies ameazadas”.