III Encontro sobre os impactos da minaría

Colectivos internacionais porán en común en Compostela as experiencias na loita contra a minaría

As xornadas decorrerán en Compostela o vindeiro 4 de marzo e nas mesmas estarán presentes representantes de organizacións da rede internacional ‘Si á vida, Non á minaría’ (YLNM). Finaldenses, nixerianos ou australianos exporán as súas experiencias e loitas

Desde o 2013 realízanse anualmente os encontros ‘ContraMINAcción’, que levan o nome da rede que os impulsa, constituída por 23 colectivos de diferentes partes de Galiza. A minaría é un tema de preocupación pública e cada vez máis candente en Galiza, así como noutras partes do mundo”, sinalan desde esta rede, que vén de anunciar que os III Encontros decorrerán o 4 de marzo en Compostela, no centro socio-cultural de Vite.

Máis unha vez, as persoas participantes debatirán sobre os impactos socioeconómicos, legais ou ambientais dos proxectos mineiros. Especial atención nestes encontros terá a auga así como a criminalización dos procesos de oposición a estes proxectos. “Na actualidade, a administración segue a manter unha actitude de desleixo cara os problemas ambientais e unha disposición favorable cara o desenvolvemento mineiro”, afirman.

Nesta cita estarán presentes organizacións internacionais que fan parte de ‘Si á Vida non á minaría’ (YLNM), que se constituíu en 2012 por individuos, organizacións e redes de todo o mundo preocupados polo benestar ameazado polo crecemento exponencial da minaría na última década.

De Triacastela e Lousame a Australia e Finlandia

A dificultade para a veciñanza de acceder á información dos trámites mineiros ou a intención da Xunta de facer dun organismo privado como a Cámara Mineira o único rexistro público das concesións mineiras de Galiza son cuestións que preocupan. Como tamén preocupa a negativa da Consellaría de Industria a declarra a caducidade das concesións mineiras, “incumprindo así as disposicións legais”.

A organización das xornadas afirma que  “terra, auga e patrimonio vénse ameazados” en Triacastela “coa ocupación de terras e montes comunais, a destrución de vías públicas de comunicación ou de recursos hídricos”. Ademais, engaden, Cementos Cosmos está pasando “literalmente por riba dun dos máis importantes patrimonios arqueolóxicos e paleontolóxicos de , a cova de Eirós”. Lembran tamén que os titulares da explotación mineira de San Fins (Lousame) solicitaron unha autorización de vertido de augas mineiras industriais ao río San Fins. “Aparentemente ditas augas teñen uns contidos de metais pesados moi superiores ao legalmente establecidos e estarían afectando aos campos de marisqueo da Ría de Muros-Noia”.

Nas xornadas tomarán parte representantes de organizacións de Finlandia, Nixeria ou Austrlia que explicarán as súas loitas.

Programa

Terra e Auga – 10:30

Michelle Malone, AELA Queensland, Australia. Carbón e Fracking no estado de Queensland, Australia.

Wale Obayanju, Homef, Nixeria: Resistencia á explotación petroleira

Natalie Lowrey, Deep See Mining Campaing, Australia: Minaría en Alta Mar, un roubo invisíbel.

A-mina-zando o Mar

Chris Madine, Cooperativa Snowchange, Finland. "Minaría e pesca en Siberia"

Joám Evans Pim, Sociedade Coluna Sanfins, José Luis Rodríguez, Asoar-Armega: "Vida e ría, ou minaría".

Evento Festivo e Solidario: Berta Cáceres a 1 ano da súa sementeira, Berta vive!

17:00 horas. Dereitos moi tortos

Marga Prieto (SLG) e Marcos Celeiro (O Iribio). "Galiza concesionada á minaría".

Clemente Bautista, Red Kallkasan. "Dereitos violentados en Filipinas".

Juliana Thornton: "Dereitos sobre a terra e minaría en Sudáfrica".

Hai Opcións!

Mariana Gómez, Gaia Amazonas, Colombia: "Consultas populares, o caso de Colombia".

Roi Seoage, Verdegaia: "Minaría Urbana"

Xoan Doldán, ContraMINAcción: "Redes de colectivos"