Colectivos feministas rexeitan o feminicidio ante o prostíbulo do Carballiño

Concentración da pasada cuarta feira polo asasinato da muller no Carballiño. (Foto: Nós Diario)
Reclaman "medidas efectivas" que persigan a trata e o "sistema de prostitución" con "sentenzas severas".

Colectivos feministas concentráronse nesta sexta feira ante o prostíbulo do Carballiño en que estaba a muller atopada morta a pasada fin de semana no punto limpo do Carballiño, para mostrar o seu rexeitamento polo "feminicidio".

"Denunciamos o último feminicidio acontecido na Galiza e fixémolo ante o club no que traballaba a vítima", así comezou o manifesto que colectivos feministas da Galiza leron na concentración.

"Apareceu nun colector de lixo coma se a ninguén lle importase, por ser muller, por ser emigrante ou por ser unha muller prostituída?", preguntou o colectivo, que sostivo que están dispostas a "reivindicar a súa morte e lembrar a súa vida".

Durante a lectura do manifesto, tamén se preguntaron se existiron "protocolos, medios e ferramentas" para diagnosticar se se trataba dun caso de malos tratos ou violencia de xénero porque consideran que "se puido evitar a morte". Ademais, advirten de que se non se fai nada "haberá máis".

Por iso, reclaman "medidas efectivas que persigan a lacra da trata e o sistema de prostitución con sentenzas severas". Ademais, denunciaron que "se dan circunstancias estrañas arredor do caso" e esixen que "continúe a investigación e que non se esqueza", pedindo que os protocolos "funcionen e non queden máis mulleres desprotexidas".

Critican que, aínda que o caso está baixo segredo de sumario, "o que se sabe é que unha muller faleceu nun colector de lixo" e que, horas antes, pedira axuda en distintos estabelecementos "e mesmo foi trasladada ao PAC, polo que "fallaron os protocolos". Por iso, lamentan que "é unha situación intolerábel e indecente".

Na protesta, as participantes fixeron soar os tambores e levaron consignas nas que se puido ler "non é un caso illado, chámase patriarcado", "non estamos tolas, queremos a verdade" ou "unidas contra a explotación sexual".

O cadáver da muller, de nacionalidade brasileira e de 38 anos de idade, foi atopado por un operario do servizo de recollida de lixo durante a quenda de noite do pasado sábado cando estaba a baleirar un camión na planta de residuos do Carballiño.