Preocupación no ecoloxismo galego

Colectivos ecoloxistas sobre o detido por queimar 1ha “podería ser un chibo expiatorio”

[Imaxe: @VladoNeska] Lume en Ponteareas

A pasada cuarta feira a Garda Civil detiña un home relacionado cun dos incendios producidos o domingo día 15 na comarca da Limia. Os colectivos ecoloxistas amosan a súa preocupación sobre “as circunstancias que rodean” a detención desta persoa “coñecida, valorada e querida polos que ao longo dos anos noventa do pasado século activaron a loita social contra a deterioración da natureza”.

Os colectivos ecoloxistas ADEGA, MEL, FEG (ADEGA, ADENCO, APDR, Asemblea do Suído, Colectivo Ecoloxista do Salnés, Grupo Naturalista Hábitat, Luita Verde, Movemento Ecoloxista da Limia-MEL, Naturviva, Néboa, NIño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verdegaia, Xevale, AEMS-Ríos con Vida), GREFA e ERVA veñen de emitir un comunicado de imprensa en relación ao único encarcerado após a vaga de incendios que asolou Galiza a semana pasada.

 

“Non sabemos o que aconteceu neste caso, mais non acreditamos en que Miguel sexa un delincuente, e menos aínda un perigo potencial para ter que privalo de liberdade. E non só polo seu compromiso de sempre coa defensa da natureza”, advirten os colectivos no comunicado. “Segundo se nos informou , unha vez apagado o lume, cuxo alcance se limitou a menos de 1 hectárea (fronte ás 35.000 ardidas eses días) e en cuxa extinción se empeñou persoalmente, Miguel foi ao cuartel da Garda Civil para dicir o que pasara, e deixou os seus dados persoais e de residencia en Vigo”, informan.

 

Precisamente, Miguel sería citado de novo pola Garda Civil en Vigo, a onde acudiu de novo de maneira voluntaria. “Até aí, o comportamento dun cidadán exemplar”, engaden, “mais desta volta xa non recibiría o trato que agardaba pola súa colaboración e ficou detido, precisando de atención hospitalaria”.

 

“Non nos corresponde valorar a súa situación de saúde, mais se esta é fráxil, aínda se xustifica menos o encarceramento dunha persoa que en todo momento colaborou para evitar consecuencias maiores e aclarar os sucesos, nin desde logo que se lle manteña a prisión incondicional, como se fose un perigo para a sociedade”, salientan as asociacións ecoloxistas.



As entidades asinantes do comunicado advirten de que “todo indica que estamos ante un episodio de lume non intencionado, se é que realmente tivo que ver co seu inicio, pois aínda non se pode afirmar aínda que sexa así”. En todo caso, agregan, “foi un incendio que el mesmo axudou a apagar e a limitar o seu alcance até ficar en testemuñal”.

 

“Agardamos que non se converta Miguel nun chibo expiatorio desta catástrofe ecolóxica, para desviar a atención criminalizando o movemento ecoloxista e así eximir das súas responsabilidades a quen ten as competencias sobre as políticas forestais, agrarias e de xestión do territorio”, conclúe o comunicado.



Colaboración co movemento ecoloxista

 

Desta maneira, o movemento ecoloxista expónlles aos medios a súa preocupación “polas circunstancias que rodean a detención” de Miguel, quen contribuíu á creación do Movimento Ecoloxista da Limia (MEL) e que colaborou con ADEGA e outros colectivos.

 

“Cando o ecoloxismo estaba case na súa infancia, Miguel mostrouse sempre como unha das persoas máis conciliadoras nas inevitábeis discusións á hora de facer valoracións e acordar estratexias de traballo. Xa neses momentos e como traballador dos xulgados de Vigo, asesorou en numerosas ocasións sobre a incipiente normativa ambiental. De seguro que co seu esforzo e compromiso ecoloxista hoxe aínda podemos desfrutar de moitos dos valores naturais polos que sempre loitou na Limia”, expresan as entidades asinantes.