Colectivos e asociacións concentraranse contra as obras na Praza de España de Ferrol

Entidades veciñais e asociacións de Ferrol concentraranse diante do Casa do Concello ás 19 horas como medida de protesta contra o que consideran unha "dilapidación de diñeiro público en obras innecesarias na Praza de España, antiga Porta Nova". presentaron unha proposta por rexistro que recolleron en forma de moción polos grupos municipais do BNG, EU e PSOE no Pleno de hoxe.

Colectivos veciñais do Ferrol, agrupados na Plataforma contra o Malgasto Público, mostraron a súa disconformidade co plan do goberno municipal de investir máis de 700.000 € na remodelación da Praza de España, antiga Porta Nova. Hoxe teñen prevista unha concentración diante da Casa do Concello ás 19 horas na que lerán o texto que, en forma de moción, tamén presentarán os grupos da oposición no Pleno municipal. "Hai maís de 16,5 millóns de euros xa enterrados neste espazo", denuncian, "Por que gastaron tantos millóns nesa Praza se agora, pasados 5 anos, os mesmos que gobernaban nese momento pretenden levantala e facela de novo?", pregúntanse desde a Plataforma.

Para as entidades "hai outras necesidades urxentes" no municipio


Necesidades urxentes
Para as entidades "hai outras necesidades urxentes" no municipio das "centos de demandas veciñais feitas nas 24 asembleas de barrio realizadas nos últimos meses" nas que se solicita intervención, por exemplo, "na reparación inmediata da cuberta do mercado de Caranza, na contratación de cuadrillas de traballadoras e traballadores desempregad@s para a limpeza das zonas intre-mareas da Ría, na reparación da maioría das fontes que hai na cidade hoxe abandonadas, no mantemento dos colexios públicos ou na reparación do colector de augas fecais que verte directamente na praia de Caranza e leva roto desde finais do verán pasado".

Reunión co alcalde
A Plataforma menciona que nunha reunión que ocorreu o pasado 9 de Xuño cando o Alcalde recibía a membros desta Plataforma. Nesa reunión os representantes cidadáns expuxéronlle a posición a respecto da Praza. "Non se trata dunha oposición ao proxecto, senón ao gasto que supón", apuntan os colectivos. "Ese mesmo día, sae anunciando nos medios de comunicación, que o concesionario do parking pagará parte das obras de remodelación da Praza de España, con 345.135,17 euros. Cantidade que di que corresponde aos dereitos económicos de financiamento que a administración local posúe sobre esta concesión e que segundo dixo aos medios, nunca foran reclamadas". Daquela a oposición acontestara que "a concesionaria estaba obrigada a pagar 505.039 euros ao finalizar a obra do subsolo e o goberno de Juncal utilizou 159.904 euros desa partida; os 345.135 restantes están en Tesourería, consignados, desde 2004, é dicir, forman parte dos fondos públicos do Concello ferrolán".

Para estes colectivos de Ferrol "o alcalde pretende demostrar a súa austeridade, dicindo que vai gastar menos do que tiña previsto gastar o goberno anterior. Intentando, deste xeito, acalar as críticas polo gasto innecesario e ademais, ao tempo, desviar as críticas contra o anterior goberno municipal".

Imaxe: Ártabra 21