Colectivos en defensa da sanidade pública cuestionan os datos do Sergas das listas de agarda

Núñez Feixoo e o conselleiro de Sanidade, García Comesaña, visitan o Meixoeiro de Vigo (Foto: Xunta da Galiza).
O Sergas presume de ter mellorado os tempos de agarda a respecto do pasado ano, cando se dispararon por mor da pandemia, mais os rexistros nas cirurxías e as probas diagnósticas son aínda superiores ao estabelecido na Lei de garantías de 2014. Aliás, diferentes plataformas advirten que as cifras serían moito maiores.

A pesar da notábel redución da presión hospitalaria con motivo dos avances na vacinación contra a Covid-19, a Galiza tardará "polo menos un ano ou ano e medio" en volver situar o tempo de agarda medio para unha intervención cirúrxica por baixo dos 60 días, tal e como recolle a Lei de garantías de prestacións sanitarias aprobada polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo en 2014.

Esa foi a advertencia que nesta terza feira fixo o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Jorge Aboal, nunha rolda de prensa na que, acompañado polo xerente do Sergas, José Flores, presentou os datos referidos ás listaxes de agarda do primeiro semestre de 2021 e valorou o "importante esforzo" realizado no último ano para reducir de forma significativa estes tempos a respecto do mesmo período de 2020.

As cifras, dixo, "son bastante mellores que o ano pasado" malia se manter a "situación de pandemia" no país. "Son o reflexo e o compromiso organizativo tanto do Sergas como das direccións dos centros das sete áreas sanitarias", engadiu.

Cirurxías

Segundo os datos ofrecidos, hoxe hai na Galiza 40.316 persoas agardando por unha operación —3.740 máis que hai un ano—, cun tempo de espera medio de 70,2 días —unha redución dun mes en comparanza co mesmo período de 2020—. Con todo, este é o peor dato dos últimos cinco anos, exceptuando o ano da pandemia.

Aboal matizou que, polo de agora, a actividade cirúrxica estase a desenvolver "con normalidade" nos hospitais galegos a pesar do recente aumento dos internamentos na UCI por mor da Covid-19. Tamén José Flores incidiu en que, a pesar de que as previsións apuntan a un incremento da presión sobre as unidades de críticos, o Sergas aínda non aplicou en ningunha área sanitaria a fase 2 do chamado Plan de continxencia, polo que se agarda que siga a haber camas dispoñíbeis para estas persoas doentes e non se teñan que empregar as destinadas a reanimación cirúrxica, co consecuente adiamento de parte das operacións programadas.

No que atinxe ás prioridades das cirurxías, a lista de agarda de pacientes en prioridade 1 é de 14,4; en prioridade 2, de 68,2, e na terceira, de 74,2.

Probas diagnósticas

Un total de 94.695 doentes están pendentes de se someteren a unha primeira proba diagnóstica —3.092 máis que en xuño de 2020—, cun tempo de agarda medio de 72,5 días —unha redución de 39,8—. Porén, é a cifra máis elevada da última década, e a lei decreta un período máximo de 45 días.

Primeiras consultas

Con base nos últimos rexistros do Sergas, 150.068 persoas aínda non foron chamadas a unha primeira consulta cun profesional especializado —39.701 máis—, e deben agardar unha media de 42,6 días —23,7 menos que en 2020—. Malia que a lei tamén impón 45 días como o prazo máximo neste ámbito, a cifra varia de forma notábel en función da área sanitaria: mentres na de Compostela-O Barbanza o tempo medio é de 30,4 días, na de Lugo-A Mariña-Monforte é de 65,8.

Así as cousas, 22.708 acolléronse no primeiro semestre de 2021 ao decreto de tempos máximos, que permite ser atendido noutro centro hospitalario de incumprírense os prazos citados, mais desde a Xunta afirman que "todos os casos obtiveron resposta dentro da rede pública do Sergas e ningún tivo que ser derivado aos centros concertados".

Uns datos "maquillados"

Para o médico de familia de Outes e portavoz de SOS Sanidade Pública Xosé María Dios, as cifras ofrecidas polo Sergas son "incomprobábeis" e "non reflicten a realidade", ao non contabilizar as persoas que piden unha cita até que non se lles concede: "Fixemos un estudo en 2020 e a demora real nas primeiras consultas superaba os 150 días. A xente á que lle din 'xa a chamaremos' é unha porcentaxe moi alta que non computa. Nós ofrecemos datos, non opinións, mais somos unha pinga no medio do océano", sostén, en conversa con Nós Diario.

Aliás, salienta que a "falta de investimento" na Atención Primaria e a consecuente saturación provoca unha derivación "masiva" aos hospitais e, polo tanto, un incremento das listaxes de agarda e os tempos de espera.

Pola súa banda, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, critica que a Lei de garantías "non estaba pensada para axilizar as listas e dar resposta á necesidade asistencial, senón para facer unha transferencia da pública á privada". Neste senso, lembra que no citado texto "non se incluíron mecanismos de corrección" e unicamente se estipularon uns "tempos incumpríbeis cos cadros de persoal actuais".

"A Lei de Saúde do bipartito, de 2008, recollía que a prestación da sanidade debía ser a través do sistema público e o privado era complementario, mais Núñez Feixoo eliminou esa disposición e igualounos", engade.

Javier González, secretario xeral da Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO na Galiza, pon o foco na cirurxía: "Non melloramos nada a respecto do que tiñamos antes da pandemia, as intervencións só se manteñen grazas ás peonadas", di, e lamenta que se trata dun “problema estrutural” que “só se solucionará reforzando o cadro de persoal e ofrecendo mellores condicións laborais”.

"Menos medallas e máis recursos"

A Xunta vén de outorgar ao persoal sanitario que está a subministrar as vacinas a Medalla de Ouro da Galiza en recoñecemento ao seu labor. Porén, desde diversos colectivos como a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública ou SOS Sanidade Pública rexeitan esta distinción que cualifican de "márketing político" por parte do Goberno galego.

"É inxusto que se nos premie con algo tan intanxíbel como esta medalla mentres seguen a recortar os salarios e padecemos unha situación de precariedade. Obrigar un ou unha profesional sanitaria a asinar 21 contratos por días nun mes é denigrante, e non é forma de recoñecer o noso esforzo", lamenta Xosé María Dios. Aliás, o doutor pon o foco na falta de medios: "Estanse a fechar algúns centros de saúde, non se cobren as prazas vacantes... É un escándalo", sentencia.