Colectivos afectados por vertedoiros, minas e canteiras poñen o foco no "negocio do lixo"

Veciñanza de Casalonga manifestouse coincidinco co paso da Vuelta Ciclista a España.
Plataformas veciñais e entidades de defensa do medio ambiente da comarca de Santiago alertan da proliferación de vertedoiros ilegais en antigas canteiras.

Media ducia de entidades afectadas polo negocio do lixo na comarca de Santiago xuntáronse por primeira vez para para sinalar a ameaza que representan a contaminación derivada da falta de coidado dos residuos.

"Quen non ten unha canteira a poucos quilómetros de onde vive? E un terreo? Pois en nada xa teñen a contaminación na porta da casa", conclúen.

A plataforma Casalonga Limpa de Residuos (Teo) vén de convocar a un primeiro encontro ás plataformas e colectivos máis próximos cunha problemática similar á súa. Á xuntanza asistiron representantes de plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non, da plataforma de afectados polo vertedoiro Santiago-Miramontes, da asociación veciñal Campo do Monte de Nemenzo (Santiago), da asociación medioambiental e cultural A Pedra que Fala (Santiago) e da asociación medioambiental a Rebolta Camanzo (Vila de Cruces).

O negocio do século

O lixo é o gran negocio deste século, defenden. "Os residuos non paran de crecer e o seu tratamamento ou é inexistente ou non respecta a legalidade", denuncian.

Segundo constataron, na Galiza existe "un modus operandi" que guía o tratamento de residuos. Alertan dun incremento sostido do volume de residuos que se xeran e ao tempo que aumentan os beneficios das empresas que os xestionan. 

"Estanse a facer de ouro, pois descubriron que se pode cobrar por tratar os residuos sen facelo e por botalos en calquera burato dunha canteira esgotada sen construír un vertedoiro", afirman os colectivos nun comunicado.

Conivencia da Xunta

O principal problema que advirten é que "a Xunta da Galiza permite e aplaude este tipo de xestións, poñendo paus na roda aos colectivos denunciantes e con escasa ou nula inspección ambiental a estas empresas".

As primeiras inspección serias non chegan até despois de moitas denuncias e queixas por parte da veciñanza que sofre as malas prácticas.

"Calquera pode comprobar a través da información pública que hai máis de 500 canteiras sacadas en concurso público na Galiza que están a mercar empresas do lixo. O negocio está claro, en vez de construír un vertedoiro nos lugares onde a lei deixa, aproveitan o oco das canteiras para botar todo mesturado alí e logo tapar con terra". E isto disfrázano de restauración da canteira, engaden .

Outra forma de operar as empresas para facer negocio, sinalan "é conseguir un predio calquera, aprobar un proxecto para tratar residuos e logo facer pequenas modificacións que non esixen exposición pública para acabar convertendo ese lugar, máis a súa contorna, en pequenos vertedoiros ilegais".

A entidades convocadas pola plataforma Casalonga Limpa de Residuos puxeron en común os problemas derivados da instalación dun negocio de tratamento de lixo, unha agresión ao medio rural cuxas consecuencias económicas e ambientais acabará por empobrecer a calidade de vida e dos recursos naturais, agropecuarios socias e culturais na contorna.