Colectivo Fartas: ''A dereita católica pasa o día a rir de nós. Tamén nós quixemos rir un pouco deles''

Dous comunicados enviados desde o anonimato fixeron ferver nestes días as redes sociais: roubaran a figura do neno Xesús que o Concello de Compostela deixara ao coidado da burra e do boi na praza do Obradoiro, diante dos fociños da casa consistorial e a uns metros da comisaría da policía. Reivindicaron o secuestro cun video que arrinca coa mesma sintonía que os debuxos animados que dan nome á operación Pokemon e, para alén de alertar sobre os desafiuzamentos, quéixanse tamén do terrorismo machista, da especulación urbanística, da cobiza dos bancos e do desleixo dos gobernos. Agora que o boneco Xesús descansa outra vez sobre as pallas, falamos coas responsábeis do seu desafiuzamento


Pregunta: Como se lles deu por botar a Xesús do portal?

Resposta: Pois algo que temos en común as diferentes persoas que confluímos en Fartas é unha certa apatía polo Nadal e unha certa capacidade de indignármonos polo cinismo despregado nesas datas. Ao primeiro pretendiamos superalas facendo entre todas un rosco de reis. Todo foi moi divertido até que descubrimos que non nos levedaba ben. Un desastre!. Foi cando dixemos: a outra cousa.

Uns colegas contábannos que na noite do 23 un 'sen teito' da cidade se botara a durmir dentro do belén, sobre as pallas, e apareceron varias patrullas da policía local para expulsalo. Que el insistira en que ou o deixaban durmir no belén ou que o levaran canda a eles, á comisaría. Quería durmir ao quente. Finalmente expulsárono e fixérono durmir no frío dos soportais de Raxoi. É cínica a dereita compostelá, verdade? Cando nos enteiramos disto indignámonos moito.  Dixemos: "se el non dorme ao quente no belén, aí non dorme nin Deus". E así foi.

"Cando nos enteiramos de que a policía local botara un ''sen teito'' do belén indignámonos moito.  Dixemos: "se el non dorme ao quente, aí non dorme nin Deus" ''

P: O neno Xesús entendeu o 'secuestro'. Entenderíase tamén aí fóra, na rúa?

R: Algo que caracteriza a Fartas é que pasamos todo o tempo na rúa. Aborrécennos os estudos con notas ao rodapé de política, que non dicimos que non sexan utilísimos. Vimos desa cultura, das diferentes militancias da cidade. Vimos de ser despedidas, de vivir o desemprego, de sufrir pau tras pau nas empresas. Esta sociedade non está feita para a xente. Daquela a rúa non é fóra, é o noso lugar. Na rúa entendeuse á perfección. Compartírono.

O Nadal tornouse un anaco máis divertido. Mesmo para dereita católica desta cidade, que ten fama de non ter ningunha ironía. Iso non é en absoluto certo. Pasan o día rindo de nós. Que se rebaixa de salarios, que se non cobrarlle o IBI á Igrexa, que se expulsar a xente das súas casas, que se es@s hippies pirad@s berrando naquela esquina. Pásano pipa. Esmendréllanse. Por iso nós tamén queriamos rir un pouco deles… conseguímolo, non?

"A rúa non é fóra, é o noso lugar. Vimos de ser despedidas, de vivir o desemprego, de sufrir pau tras pau nas empresas"

P: E o resto de membr@s do portal, puxéronse en contacto convosco?

R: Uf!... Era complicado. A virxe María leva séculos en silencio ou, máis ben, levan séculos expropiando a súa voz. Como a do conxunto das mulleres. Ese é o resultado dunha cultura misóxina e patriarcal. Nós temos a impresión de que nada está claro. Algúns estudos que lemos por riba, tan científicos como os do Bieito XVI, din que era lesbiana, que iso da virxindade é un conto.

Nós non dicimos que si nin que non. Évos cousa súa, non queremos interferir. Se isto é así, que non dicimos que o sexa, Xosé sería unha figura de cartón pedra. Non tería existido. E quen non existiu, non fai declaracións.

Certamente, a única esperanza de comunicación que tiñamos era coa burra. Polo menos para se queixar das últimas acusacións do Vaticano. Mais tampouco. Porén, tivemos unha testemuña un pouco máis... seria. A de Ángel Currás --en referencia ao alcalde de Compostela-- Dicía hoxe --por esta cuarta feira-- celebrando o regreso que "non se investigaría máis o desafiuzamento do neno Xesús".

"A única esperanza de comunicación que tiñamos era coa burra, para se queixar das últimas acusacións do Vaticano"

A nós, a verdade, iso preocupounos un pouco. Significa que non van investigar como é posíbel unha policía local tan irresponsábel como a de Compostela, á que lle desaparece unha figura de culto a cincuenta metros da comisaría e do edificio presidencial da Xunta?.

P: Do voso comunicado quedo cun bocadiño: ''A súa restauración ao Obradoiro preocupáravos moito e será inmediata''. Entrevistaron nunha emisora radio unha concelleira do Goberno local compostelán sobre esta acción e declarou sentirse preocupada porque as crianzas chegaban ao belén e non vían o neno Xesús. Após a repercusión que tivo a súa acción, como valoran estas declaracións?

R: Se somos sinceras, descoñecemos tanto o que dixo esta concelleira na radio como o que dixo o Monarca na súa chapa de Nadal. Mais está xustificado: estivemos un pouco ocupadas eses días. Respectamos moito a calquera que fale para unha radio ou unha televisión.

P: Para alén da repercusión mediática evidente, gustan do tratamento que atoparon na imprensa?

R: Pois temos unha sensación agridoce. Non nos seduce a idea dunha grande repercusión mediática porque é unha arma de dous gumes. Dunha banda socialízase a reivindicación mais, da outra, todos os mecanismos 'recuperadores', catalizadores do sistema, a través das súas maquinarias de atordamento das masas sociais, póñense en funcionamento para absorber as nosas loitas como unha esponxa.

"Non van investigar como é posíbel unha policía local tan irresponsábel como a de Compostela, á que lle desaparece unha figura de culto a cincuenta metros da comisaría?"

Se prestas atención, fálase moito do "drama dos desafiuzamentos", mais sobre o que dixemos do noxo que nos dá unha sociedade machista e patriarcal, violenta para coas mulleres, case ninguén comentou nada. Cómpre reflexionar sobre isto.

P: Merecen estas prácticas de subversión política máis confianza que a 'política de despacho'?

R: Non, nin de broma. Nós non pedimos que ninguén confíe en nós. Nin se lles ocorra! Queremos que a xente confíe en si propia, na súa propia capacidade de transformación cando se organiza con outras. Iso si. Queremos que a maioría social se sinta forte. Que loite con humor, con alegría.

Dicía Emma Goldman que se non podía bailar esa revolución non lle interesaba. Oes? Nós queremos facer unha revolución. Mais tamén queremos bailar. Bailar moito. E na rúa báilase mellor do que nos despachos: alí tropezas con todo. Sobre todo, unha sociedade que está a aprender a danzar, como a nosa.

"Na rúa báilase mellor do que nos despachos: alí tropezas con todo"

P: Para alén da problemática ligada á vivenda e á especulación, de que máis estades fartas?

R: Pois do que pode estar farta calquera outra persoa. Ti mesma. De non vivirmos nunha sociedade radicalmente xusta e igualitaria; de que siga a existir o clasismo, a xenofobia, o privilexio, a violencia de xénero, a violencia policial; de tantas cousas... de non podermos ser felices.

De que nos rouben cada cousa coa que soñamos. De que pretendan roubarnos a nosa capacidade de soñar. Queres apuntar ti algo máis?