O neno Xesús 'desafiuzado' en Compostela pasa a noite nun caixeiro do BBVA

Os colectivos cidadáns Fartas e Stop-Desafiuzamentos emiten un video da liberación da figura ornamental que facía parte do portal de belén colocado polo Goberno local do PP na praza do Obradoiro. Fan visíbel con esta nova acción a situación das máis de dúas mil persoas sen teito que se contabilizan a día de hoxe na Galiza, e advirten de que ''isto non é a fin de nada, senón un paso máis''


O boneco do neno Xesús que fora retirado do portal de belén do Concello de Compostela pasou a noite desta cuarta feira nun caixeiro dunha sucursal do BBVA situada no barrio de Conxo, na capital galega. O obxectivo desta volta é facer visíbel a situación das máis de dúas mil persoas sen teito que habitan as rúas da Galiza. "A restauración do neno preocúpavos moito e será inmediata. Porén, seguiredes sen solución para os milleiros de familias que están a sufrir as consecuencias da gran estafa económica da banca e dos políticos", recalca o colectivo Fartas --Fomos Armala Raptando Temporalmente Ao Susiño-- nun comunicado enviado á imprensa a través da plataforma cidadá Stop-Desafiuzamentos Compostela.



 



Así as cousas, tamén mediante comunicado Fartas reivindicou o sábado 22 de decembro o "desafiuzamento" desta figura central da decoración natalicia como acción de protesta contra as execucións hipotecarias por medio das cales a banca bota da casa pola volta de 50 persoas cada día.

Reclamaron que as palabras da administración local que dirixe Ángel Currás (PP) se tornasen "solucións" para todas as familias afectadas. Riba da mesa, as súas propostas: alugueiro social e dación en pagamento.

Anunciou Fartas que o Xesús voltaría axiña ao portal, e voltará cando o localicen. "Aí tedes o voso boneco. Procurádeo por todos os caixeiros, nalgún deles estará, entre cartóns", sinala o colectivo tamén nun video onde se recollen imaxes de como, efectivamente, o Xesús compostelán quedou a durmir nun caixeiro.

Reprochan o modelo de sociedade "que vos estamos a deixar organizar, baseada na pobreza, na exclusión, na violencia, no voso lucro voraz, na xenofobia, nos valores patriarcais e misóxenos", para alén de estar construída "en contra da maioría social".

Ao fío, a
nuncian que será esa maioría social a que "demandará outra sociedade radicalmente igualitaria" e vaticinan que nela "ninguén espertará sen casa, sen traballo, sen saúde, sen acceso ao ensino, sen dignidade". 

A acción reivindicativa tivo grande repercusión mediática, facéndose eco a meirande parte dos grandes medios estatais e algúns de fóra do Estado do "desafiuzamento" acontecido no portal de belén, en Compostela. Con todo, deixan claro que "esta non é a fin de nada, senón un paso máis". O seguinte paso será esta sexta feira en Santiago, Lugo e Ferrol. Para as oito do serán está convocada unha manifestación unitaria "contra os desafiuzamentos e o acoso financeiro". 

NOTA: Sermos Galiza tivo acceso a esta imaxe da figura antes da súa 'liberación'