Coleccionábel de Nós Diario de textos de Carvalho Calero

Logotipo para a pcasión.

Durante xuño e xullo publicarase, diariamente no diario, unha escolma de textos que o homenaxeado no Día das Letras Galegas publicou en prensa ou pertencentes a conferencias súas. Nós Diario quere quer así reivindicar que o Ano Carvalho se prolongue até 2021.

Nós Diario continúa a celebrar o ano Carvalho Calero. Durante estes meses de xuño e xullo publicarase co xornal unha escolma de textos que Ricardo Carvalho Calero publicou na prensa ou ben pertencentes a conferencias súas, moitos deles abordando temáticas de plena actualidade hoxe en día.

A selección dos textos corre a cargo de Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S. A., e coordinador da publicación especial de Sermos Galiza dedicada á figura de Carvalho Calero, publicada o pasado mes de maio, e a edición corre a cargo de Belén Bouzas.

Mediante esta recompilación preténdese achegar ao público lector parte da obra de Ricardo Carvalho Calero, non sempre de fácil acceso pola falta de reedicións, coa vontade de mostrar a súa figura desde a súa propia palabra, desde o seu propio ollar. Gran conferenciante, o autor deixou innúmeros artigos de opinión, sobre cuestións lingüísticas, literarias... Todos eles caracterizados por apresentar temáticas que o colocan na máxima actualidade. Os textos que publicará Nós Diario ao longo destes meses pertencen a obras referenciais como Problemas da lingua galega (Livraria Sá da Costa, 1981), Da fala e da escrita (Galiza Editora, 1983), Letras Galegas (Agal, 1984), Do galego e da Galiza (Sotelo Blanco, 1990) e Umha voz na Galiza (Sotelo Blanco, 1992). 

Unha compilación de textos que aquelas persoas interesadas poden ter coa adquisición de Nós Diario, quer en quioscos e librarías, quer on line.

Sermos Galiza S.A. agradece a familia do homenaxeado que lle permita a reprodución dos artigos.

A iniciativa procura ser tamén a forma en que Sermos Galiza S.A. se suma á reivindicación social para que a Real Academia Galega (RAG) amplíe a celebración do ano Carvalho Calero a 2021. De feito, Nós Diario creou para a ocasión un logotipo propio, que representa a silueta do escritor, lingüista e intelectual ferrolán, e que acompañará os textos seleccionados. Nós Diario anima a quen o desexar o uso desta creación nas redes sociais.