Opinión

Prórroga

[Xoán Costa] 

Hai palabras que están aí case confinadas a usos específicos. E de repente, un día, saltan fóra do cesto, esquecen os vellos usos e enchen toda a nosa vida. Unha desas é prórroga, isto é, a posibilidade de facer durar algo para alén dun tempo definido. Quen non viviu con intensidade aquelas prórrogas que estendían os xogos de fútbol até os 120 minutos?

Claro que isto a sabedoría popular xa o tiña previsto: morto o can, acabou a raiba. Así que non habendo fútbol, a prórroga séntese libre para saltar ao estado de alarme agora co valor de adiar, alongar, dilatar. Así aparece o posíbel prorrogamento do Xacobeo e tamén a petición á RAG por parte de varias entidades do alongamento do Ano Carvalho Calero.

Alongar, ese debe ser o concepto pois, voltando ao símil do fútbol, cando un partido se suspende porque o campo de xogo non serve, efectivamente non se prorroga, senón que se reinicia para xogar o tempo non xogado. O Ano Carvalho xogouse normalmente menos do 25% do tempo regulamentar. Xusto é recomezalo no minuto en que foi interropido e, cando remate, se ten que haber prórroga, que a haxa.

Comentarios