Denuncian un novo colapso nas urxencias pediátricas do HULA e o PAC de Fingoi, en Lugo

Acceso principal do HULA, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
O aumento de patoloxías respiratorias nas crianzas, sumado á falta de persoal, está detrás desta situación, alerta Satse.

O sindicato de enfermaría Satse volve denunciar, máis unha semana, o colapso das urxencias pediátricas no Hospital Universitario Lucus Agusti (HULA) e no PAC da cidade de Lugo, o de Fingoi, por mor do aumento de patoloxías respiratorias nas crianzas.

Así o explicou o delegado en Lugo de Satse, Manolo Veiga, que cualificou de "moi alta" a incidencia, sobre todo, de gripe A. "Isto afecta nenos e nenas da nosa provincia e fai que estean con patoloxías respiratorias e, ao final, acaban atendidos nas urxencias hospitalarias tanto dos PAC como de urxencias", alertou.

Esta situación, precisou Veiga, "provoca unha sobresaturación" nos servizos de Pediatría, algo que, "unido á falta de persoal sanitario", leva a "moitas demoras". Botando man da ironía, lamentou que se "trate de banalizar" a situación por parte da Xunta, indicando que, "a pesar de que esas patoloxías respiratorias eran banais, na última semana hai máis de 25 hospitalizados por patoloxías respiratorias" en Lugo.

"Están a baixar moitísimo os pacientes de Covid pero aumentan moitísimo os de gripe", acreditou. Veiga non dubidou en sinalar que o que está a pasar en Madrid "repítese na Galiza".

Apuntou tamén que nos PAC de Pontevedra, "onde hai dous equipos de médicos e enfermaría que atenden as urxencias, agora quedan cunha enfermeira ou fechan directamente".

"Non podemos permitir que o xerente da área de Pontevedra dea charlas de dúas horas aos enfermeiros para dicirlles que tipo de patoloxías teñen que derivar e como actuar, cando nós fixemos cursos de máis de 500 horas onde se nos ensinaba a discriminar as patoloxías urxentes, así como a forma de actuar", lamentou.

Isto, dixo, "crea grande inseguridade no persoal de enfermaría, que non é que non queira asumir esa responsabilidade, o que quere é estar cunha capacitación, unha cualificación e unha formación nese punto", concluíu o delegado.