Sanidade

Colapso nas Urxencias: sucédense as denuncias de pacientes 'aparcados' nos corredores na Coruña, Compostela e Pontevedra

Pacientes amoreados nos corredores das Urxencias do Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS)
O BNG leva ao Parlamento a situación das Urxencias do Chuac, con esperas "de varios días" por unha cama e padiolas nas zonas de paso.

Se nas últimas horas era o servizo de Urxencias do Hospital de Montecelo, en Pontevedra, o foco das denuncias de "caos" e "colapso", agora é a quenda do Hospital Clínico de Compostela (CHUS) e máis do Chuac da Coruña.

No primeiro caso, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS vén de denunciar, a través dun comunicado, o "estado permanente de colapso" nas Urxencias deste hospital, con "pacientes graves aparcados nos corredores".

Así, sinalan que o pasado 29 de xuño, contra as 16.20 horas, nas Urxencias había até 39 pacientes con ingreso asignado ocupando os espazos de traballo. "Mentres estes espazos se ocupan con pacientes que tiñan que recibir a atención propia dunha cama hospitalaria, seis cualificados como urxentes pola triaxe estaban 'aparcados' no corredor de acceso en cadeiras de rodas e padiolas", lamentan.

As Urxencias do CHUS volveron saturarse esta segunda feira "ante a indiferenza e complicidade dos responsábeis da área sanitaria"

A situación repetiuse esta segunda feira, cando, arredor das 13.30 horas, o servizo volveu colapsar, "ante a indiferenza e complicidade dos responsábeis da área sanitaria", con 42 pacientes pendentes dunha cama.

"No corredor de acceso e limítrofes, nove pacientes graves —seis da área de Covid e tres dos servizos xerais—, en padiolas e cadeiras de rodas, agardan a ser atendidos nos espazos de traballo", afirman, ao tempo que se preguntan "até cando se vai permitir que se siga vulnerando o dereito fundamental do paciente á dignidade e a intimidade".

"Dinnos desde as instancias políticas que o problema da sanidade non é de diñeiro. Daquela, non se entende que por unha idea ilóxica de aforro se estea incumprindo de xeito reiterado e sistemático o deber de proporcionarlles ás persoas que teñen que acudir ao servizo de urxencias unha atención digna", sentencian.

O colapso no Chuac chega ao Parlamento

Unha situación semellante está a producirse nas Urxencias do Chuac coruñés, que, denuncia esta terza feira o BNG, "presenta de forma periódica unha situación de saturación que pon en severo cuestionamento o coidado e asistencia sanitaria precisos para as pacientes da área da Coruña".

"Nestes días a situación de desgoberno volve visibilizarse en corredores de Urxencias con camas de doentes en espera dun cuarto durante varios días, mesmo tratándose de persoas moi maiores e con problemas de tipo respiratorio", engaden, nun escrito dirixido á Mesa do Parlamento da Galiza, onde na vindeira sesión plenaria preguntarán ao Goberno "que está a facer para resolver o colapso salintario persistente" no Chuac.

O BNG cuestiona se a Xerencia "pretende que isto sexa asumido por reiteración"

Moitos pacientes, após esta "espera inhumana" en padiolas 'aparcadas' nos corredores que non se resolve en 24 horas, son derivados a outros centros hospitalarios. "A Xerencia da área sanitaria semella pretender que sexa asumido por reiteración como parte da normalidade este colapso", censuran desde o Bloque.

Denuncias en Montecelo malia que a Xerencia o nega

A xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, departamento que dirixe José Ramón Gómez, afirmou esta segunda feira, en relación ás denuncias de "colapso" e "caos" no Hospital de Montecelo (Pontevedra) por parte dos sindicatos, que se adoptan decisións en función das "necesidades e circunstancias variábeis" que se dan nos centros sanitarios para "garantir a continuidade asistencial global".

Unhas circunstancias, porén, que na segunda feira negaba a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza, que afirmaba que durante a última semana chegaron a contabilizarse 200 pacientes diarios e, sumado isto á falta de profesionais, provocou esperas de "até 24 horas" para que se asignase unha cama a unhas 40 persoas.

Esas persoas, indican no escrito, ficaron "en padiolas situadas nos corredores e zonas de paso, sen acceso a baño privado, comidas e ao máis mínimo respecto e consideración que precisa un ser humano nestas circunstancias".