A odisea de formalizar a obtención da nacionalidade: 180 días de prazo mais sen citas libres até mediados de ano

A poboación inmigrante representa xa 5% do total na Galiza. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
A carga de traballo dos rexistros civís en partidos xudiciais como Vigo, A Coruña ou Pontevedra está a impedir que persoas estranxeiras residentes na Galiza poidan formalizar neles no prazo estipulado pola lei o acto en que asumen a nacionalidade, malia serlle esta concedida polo Estado español.

O que debía ser un acto sen custo económico e rápido, o acto de xura e promesa ao adquirir unha persoa estranxeira a nacionalidade española, non está a ser tal na Galiza, onde se demora no tempo e polo cal esa persoa ten que acabar pagando. Os procedementos para adquirir a nacionalidade son diferentes dependendo da situación de cada solicitante. Na maior parte dos casos, trátase da adquisición por residencia legal no territorio do Estado durante un período de tempo que flutúa entre un e os dez anos. É un procedemento longo que se tramita en Madrid na Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública, dependente do Ministerio de Xustiza.

Mais a resolución administrativa que concede a nacionalidade fica supeditada a que, no prazo de 180 días, contados a partir do seguinte á notificación da resolución, as persoas interesadas realicen no rexistro civil a xura ou promesa de obediencia á Constitución e ás leis.

Esperas

É aquí onde se encontra o grave problema con que baten moitas destas persoas para poder superar o trámite da adquisición da nacionalidade: se teñen fixada a súa residencia nos partidos xudiciais da Coruña, Vigo e Pontevedra resúltalles imposíbel cumprir co requisito de realizar a xura ou promesa no prazo dos seis meses seguintes á notificación da concesión da nacionalidade e vense na obriga de acudir a unha notaría para que esa concesión goce de efectividade xurídica e para obter o documento de identidade (DNI).

Consultado no mes de decembro no rexistro civil do partido xudicial da Coruña non existe ningún día libre nos cinco primeiros meses de 2024. No rexistro civil do partido xudicial de Vigo o primeiro día libre é o 29 de xullo deste ano. E no rexistro civil do partido xudicial de Pontevedra o primeiro día libre é o 4 de xullo de 2024. É dicir, as cidadás e os cidadáns que teñan fixada a residencia en calquera localidade destes partidos xudiciais vense na obriga de acudir a un notario  para realizar o acto da xura dentro do prazo legal para poder adquirir a nacionalidade. 

A pagar

E aquí encóntranse con que teñen que pagar os honorarios notariais, que poden oscilar entre os 200 e os 400 euros, trámite que é gratuíto de se realizar no rexistro civil. A organización dos rexistros civís é competencia da Xunta da Galiza a través da Vicepresidencia Primeira, Consellaría da Presidencia, Xustiza e Deportes.

Así, a Dirección Xeral de Xustiza exercerá as competencias que lle corresponden á Xunta da Galiza, estatutariamente ou por transferencia, relativas aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de Xustiza... e ao acceso da cidadanía á xustiza en igualdade de oportunidades.

Unha situación que, á vista da realidade nas citas nos tres partidos xudiciais mencionados, non se está a cumprir, cos prexuízos que iso está a xerar entre o colectivo de persoas migrantes ás que se lles outorga a nacionalidade. 3.155 cidadás e cidadáns estranxeiros residentes na Galiza adquiriron a nacionalidade española ao longo de 2022.

Os estranxeiros representan 5% da poboación galega

A Galiza pasa a barreira dos 2,7 millóns de habitantes grazas á chegada de inmigrantes. Certifícano os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, referidos ao 1 de xullo. Viven na Galiza 139.557 persoas nadas noutros países, que representan 5,16 % da poboación galega (2.701.631 a 1 de xullo). Hai 25 anos, en 1998, a cifra de habitantes do país era lixeiramente superior á actual —2.724.544—, e o peso dos inmigrantes nela era moito menor: había entón 19.693 estranxeiros que representaban 0,72%. A cifra multiplicouse por sete.