Coidado de hortas, acudir a academias ou caza colectiva de lobo e xabarín: causas permitidas para saltar o feche perimetral

O DOG publica os motivos permitidos para saír e entrar dos concellos e non ter que cumprir o fechamento perimetral.

A Xunta incluíu entre os motivos xustificados para non cumprir os feches perimetrais decretados pola covid-19 o coidado de hortas ou animais e a asistencia a academias ou clases de reforzo, entre outras accións de formación.

En concreto, o decreto publicado hoxe no Diario Oficial de Galiza -que entrará en vigor na medianoite da cuarta á quinta feira- modifica a listaxe de causas xustificadas para cruzar un peche perimetral en dous epígrafes que agora se autorizan de forma explícita.

O primeiro deles fai referencia ao "coidado de hortas e animais", mentres que o segundo menciona a posibilidade de saltarse este feche para a asistencia a academias de idiomas, clases de reforzo educativo de materias incluídas nos plans de estudos regrados, conservatorios e escolas de música ou para a preparación de procesos selectivos en academias ou centros de formación.

A maiores, como até o de agora, considérase xustificado cruzar un feche perimetral para a asistencia a centros, servizos ou establecementos sanitarios; para o cumprimento de obrigas profesionais, empresariais, institucionais, sindicais ou legais, e para a asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas escolas de educación infantil.

Tamén se poden vulnerar para o retorno á residencia habitual ou familiar, para a asistencia e coidado de persoas maiores, menores dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerábeis, e para acudir a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.

Finalmente, tamén se inclúen como xustificadas as actuacións requiridas ou urxentes ante órganos públicos, xudiciais ou notariais; renovación de permisos e documentación oficial, así como outros trámites inaprazábeis; realización de probas ou exames oficiais inaprazábeis ou por causa de forza maior ou actividade análoga debidamente xustificada.

Caza

Por outra banda, o decreto volve incluír que quedan exceptuadas das limitacións de entrada e saída dos municipios pechados, así como das restricións de permanencia máxima de grupos de persoas, as accións de caza colectiva que se realicen sobre o xabaril e o lobo.

En concreto, limítanse ás accións de caza de xabaril incluídas na planificación aprobada para a tempada 2020/2021 dos plans de aproveitamento cinexético dos  Tecor e accións autorizadas especificamente en terreos de réxime cinexético común.

Tamén contarán con esta posibilidade as accións de caza con ocasión de danos á agricultura ou á gandería ocasionados polo xabaril ou o lobo, tras a súa comprobación polas autoridades, e accións de caza como consecuencia de accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico.

 Veto ao uso de vestiarios e zonas de ducha de ximnasios e instalacións deportivas

Segundo recolle o decreto publicado no DOG, "en ningún caso" se abrirán para as e os usuarios os vestiarios e zonas de ducha de centros e instalacións deportivas. En todo caso, en situacións "estritamente necesarias", engade, poderán "habilitarse espazos auxiliares" para esta fin. Estes espazos serán ocupados por un máximo dunha persoa --agás aquelas que precisen asistencia- e deberá procederse á limpeza e desinfección inmediatamente despois de cada uso, así como á finalización da xornada.

A práctica da actividade física e deportiva non federada ao aire libre poderá realizarse de forma individual ou colectiva até un máximo de catro persoas conviventes ou non, excluído o monitor.