Os cogomelos que chegan coas treboadas

Cogomelos de verán nun cesto. (Foto: Alejandro Mínguez)
Que non chove a gusto de todos é certo. Mentres produtores de viño e froita miran ao ceo con incerteza e medo por se as chuvias poden anegar campos e derramar a produción, as persoas afeccionadas aos cogomelos esperan treboadas continuas como as que aconteceron nos primeiros compases do verán.

A importante cantidade de auga caída e a temperatura suave de inicios deste verán tivo como consecuencia a aparición dun gran número de especies fúnxicas nos campos e montes galegos no mes de xuño e xullo. Certo é que cogomelos hainos todo o ano, sendo o outono a estación por excelencia na recollida silvestre.

Porén, o inicio estival tan chuvioso iguala en moitas zonas a cantidade e calidade de cogomelos coa mellor das épocas do ano, malia o arranque de primavera seco, que non propiciou a aparición de cogomelos na Galiza, nin en marzo nin en abril.

Un verán rico en cogomelos en Celanova

En Celanova (comarca de Terras de Celanova), os recolledores de cogomelos non recordaban un inicio do verán tan rico en exemplares. Entre os comestibles destacan os Cantharellus cibarius, ou “cantarela”, caracterizado por unha coloración laranxa e olor afroitado, indicado para ensaladas, guarnicións ou sobremesas. Tamén aparecen distintas especies do xénero Boletus, con esponxa ou tubos na parte inferior do sombreiro, como Boletus edulis, Boletus reticulatus e incluso Boletus aereus. En moitos casos o exceso de calor propicia que teñan vermes e sequen de maneira precipitada estes exemplares, que aparecen principalmente nos soutos e protagonizan excelentes empanados ou guisos, mais tamén son moi aprezados nun licor ou nun biscoito.

Por outra parte, apareceron especies comestibles como o Agaricus macrosporus, Agaricus campester ou Marasmius oreades, entre outras, e unha gran cantidade de cogomelos que carecen de valor gastronómico, como moitas especies de Russula, caso da Russula melliolens, un xénero aínda moi descoñecido e sobre o que o presidente da Federación Galega de Micoloxía, José María Traba, está a facer unha tese de doutoramento.

O Grupo Micolóxico Galego e outras entidades divulgadoras organizan todos os meses, incluídos os de calor, saídas técnicas en distintos puntos de toda a Galiza para o estudo da micoloxía, certificando a aparición de especies raras polos cambios nas condicións climáticas. En xullo visitaron a zona costeira de Vigo e en setembro viaxarán á bisbarra da Baixa Limia.

Recomendacións

Variedade de cogomelos.

O único recoñecemento válido dos cogomelos é o botánico. Os ditos populares para a identificación de especies son totalmente falsos, polo que hai que analizar as partes físicas dos exemplares atopados para saber que cogomelo é, con independencia da estación do ano na que esteamos. Debemos coñecer o nome científico, en latín, para evitar confusións cos nomes populares, con marcado carácter local, en moitos casos. Debemos coñecer os cogomelos comestibles que imos empregar nos fogóns, pero tamén os tóxicos e incluso mortais que hai nos montes. E na primavera e no verán, do mesmo modo que aparecen comestibles, aparecen tóxicos, incluso a mortal Amanita phalloides. Dende o colectivo micolóxico de Celanova advirten de que neste verán apareceron exemplares de Amanita phalloides no mesmo hábitat que excelentes Boletus, a escasos centímetros uns dos outros, polo que hai que ter moita formación e máis precaución nas saídas ao monte.

A Amanita phalloides ten un color verde oliva no sombreiro e lamelas e pé brancos, cun anel en forma de saia e unha volva na parte final do pé. Ten un olor agradable e incluso un sabor doce, que non nos fai sospeitar da súa elevada toxicidade tras unha inxesta accidental. Os efectos inician a súa manifestación unha vez pasadas seis horas do consumo. As toxinas deste cogomelo afectan os órganos vitais e se o consumo foi elevado e non se recibe tratamento médico, as consecuencias poden ser fatais.

Hai que estar permanentemente actualizado na formación micolóxica polos cambios que se producen neste amplo e complexo mundo científico. Cómpre salientar, por exemplo, que nos últimos tempos media ducia de cogomelos silvestres que aparecen na Galiza pasaron de ser comestibles a tóxicos, incluso potencialmente mortais. O caso máis coñecido é o do Tricholoma equestre, ou "cogomelo dos cabaleiros", sospeitoso de provocar varias mortes en diversos países europeos.

Cogomelos que é fácil atopar durante os meses de verán nos solos galegos

Na columna da esquerda, exemplar de Russula melliolens, un xénero aínda pouco coñecido na Galiza e que está a estudar o presidente da Federación Galega de Micoloxía, José María Traba; cogomelos comestibles do verán son Cantharellus cibarius ou Boletus reticulatus, que saen en hábitats pouco propicios, incluso hostís, nas beiras das estradas. Na columna da dereita, excelente Boletus e mortal Amanita compartindo hábitat no verán e cogomelos de verán na tixola.