Deseñan un 'cobrevasos' para protexer contra a submisión química nos locais de lecer nocturno

Aspecto do coleteiro que torna en cobrevasos. (Foto: Femupo)
O obxecto presentarase este sábado nas Festas do Alivio de Tomiño, onde se agasallará a todas as persoas que enchan unha enquisa no punto que habilitará Femupo.

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) vén de presentar o produto Drink Safe, un cobrevasos que ten como obxectivo evitar os casos de submisión química no lecer nocturno.

A entidade sinalou que o produto é un 'coleteiro' de tea que no seu interior ten unha tapa para cubrir o vaso. Desta forma, adáptase a calquera tipo de recipiente e inclúe un buraco para introducir a palla.

Dado que se trata dunha tea impermeábel, impídese que a bebida se molle e, ao mesmo tempo, serve para distinguir o vaso do das demais persoas nunha discoteca ou outro estabelecemento de lecer nocturno.

"O Drink Safe nace das inquedanzas de Femupo por protexer as mulleres en momentos de vulnerabilidade que poidan suceder no lecer nocturno", sinalou a presidenta da federación, Raquel Touriño. Esta incitativa xurdiu a raíz dun convenio entre Femupo e a secretaría xeral de Igualdade, grazas aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A presentación será o vindeiro sábado, 10 de setembro, nas Festas do Alivio de Tomiño. Na celebración, Femupo terá un punto de información sobre os diversos recursos de loita contra a violencia de xénero, e agasallará este produto ás persoas que cubran unha enquisa no punto.

Este obxecto é personalizábel e está feito de forma artesanal na comarca. Actualmente está en período de lanzamento mais, segundo sinalou a federación, a previsión que é chegar a 5.000 unidades no que queda de ano. Pódese conseguir contactando con Femupo.

Causa dunha de cada tres agresións

Un estudo presentado semanas atrás polo Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses (INTCF) concluíu, con base nos casos analizados nos últimos cinco anos, que 33% das agresións sexuais producíronse baixo os efectos da submisión química.