A Atención Primaria valora ir á folga en Galiza

A proposta, nacida nas asembleas de persoal deste servizo en diferentes áreas sanitarias, vai ser valorada pola Coordinadora Galega de Atención Primaria, que recoñece que a situación é “Insostíbel”.

Unha folga xeral na Atención Primaria en Galiza. Unha convocatoria que ao longo destes días foi collendo forza nas asembleas de traballadores deste servizo que se realizan nas diferentes áreas sanitarias. Un paro que sirva para mostrar o “insostíbel” da situación que se vive en Atención Primaria.

 

“É certo, a posibilidade de convocar unha folga está sobre a mesa e é moi probábel que vaia adiante”, recoñece a Sermos Galiza Xosé Dios, médico especialista en Atención Primaria e membro da Coordinadora Galega de Atención Primaria. Será precisamente este órgano, a Coordinadora, quen decida sobre este extremo, sobre o que ficaría por decidir -de ir adiante- cuestións como a data ou a duración, entre outras. Unha proposta que se suma ás folgas que hai noutros servizos sanitarios, como os PAC ou ambulancias

 

Motivos para a greve non faltan, sinala este facultativo da área sanitaria de Santiago, que denuncia o preocupante da situación que se vive en Atención Primaria: masificación, falta de medios e persoal… “O persoal está moi cabreado” e unha mostra diso é, afirma, que as asembleas están a ter unha alta asistencia: “Xuntanzas onde asisten máis de 100 médicos”, apunta.

 

Sen diálogo

 

Xosé Dios indica que Feixoo anunciou para o día 20 a presentación dun novo modelo de Atención Primaria sobre o que os traballadores e traballadoras do servizo, afirma, non albergan moitas esperanzas. “A quen consultou para facelo? Con quen falou?”, pregúntase, e lembra que o primeiro que fixo o PP ao retornar ao goberno galego, en 2009, foi “cargarse dun plumazo” o modelo de Atención Primaria que elaborara o bipartido “e que si que foi consensuado”.

 

Lembra Dios que non só os médicos ou Atención Primaria están sufrindo as consecuencias das políticas sanitarias destes anos. “Aí están os PAC, Urxencias, Ambulancias…”, engade, e recoñece que nesta nova vaga de mobilizacións na sanidade pública son as e os propios profesionais quen se está a situar á vangarda das mobilizacións. Unhas mobilizacións que agora poden entrar nunha nova fase cunha folga xeral.