Manuel Martín, plataforma S.O.S Sanidade Pública

“O dereito á saúde en Galiza está condicionado polas políticas de recortes de Feixoo”

O domingo Compostela acollerá unha manifestación convocada pola Plataforma SOS sanidade Pública co lema ‘Os recortes matan, non ao negocio coa saúde!’. Manuel Martín é unha das voces máis destacadas deste colectivo, que se erixiu durante estes anos nun dos alicerces fronte ás políticas sanitarias do goberno de Feixoo. “Ou mudamos o curso da política sanitaria da Xunta ou estamos todos condenados”, indica.

“A xente non se manifesta por gusto ou motivación partidaria senón porque os seus servizos sanitarios están sufrindo un deterioro cada vez maior. Manuel Martín confía en que este domingo unha maré humana responda ao chamado de SOS Sanidade Pública para responder en Compostela á política de recortes e privatizacións que, denuncia, caracteriza o Goberno Feixoo en materia sanitaria. A cita é ás 12:00 horas na Alameda da capital galega.

 

Hai uns anos houbo un ciclo de mobilizacións importantes na defensa da sanidade pública ao que semella que seguiu unha especie de ‘impasse’. Porén, desde finais do ano pasado parece que volve un novo ciclo de conflitividade e mobilizacións. A que considera que se debe esta reactivación?

Nestes anos non se resolveron os problemas que ten a sanidade pública galega. Na Xunta están os mesmos e as políticas son as mesmas. Puido haber nalgún caso certa canseira nas mobilizacións mais a realidade imponse: cando a xente ten problemas no acceso á asistencia sanitaria, cando atopa trabas para ser atendido en Atención Primaria, cando nos PAC a precariedade é a norma e pon en perigo a saúde da xente, cando se privatiza e non se responde ás necesidades da poboación… pois hai que volver a mobilizarse. Neste sentido o de Vigo é un exemplo paradigmático: Atención Primaria sufre durante anos falla de recursos e aínda que os xefes do servizo non son uns revolucionarios tiveron que dimitir porque era imposíbel seguir con esa situación.

 

A xente entende que se os traballadores sanitarios se manifestan hai que apoialos e acompañalos porque aquí todos estamos no mesmo bando, todos somos SOS Sanidade Pública. A xente non se manifesta por gusto ou motivación partidaria senón porque os seus servizos están sufrindo un deterioro cada vez maior.

 

“Este goberno puxo o servizo sanitario público en función dos intereses das empresas privadas, das multinacionais”

 

A folga nos PAC e nas Urxencias do CHUS, as protestas en Atención Primaria, as dimisións de Vigo… Son agora os profesionais os que están collendo as rendas da mobilización para a defensa da sanidade pública?

É verdade. Os profesionais sanitarios especialmente os dos PAC, Primaria, Centros de Saúde… tomaron a iniciativa e iso é moi saudábel. O deterioro, os recortes, a actitude da administración de desprezar os traballadores, levou a que se asumise no persoal a necesidade de mudar o curso da política de saúde da Xunta ou estamos todos condenados. A poboación entende perfectamente isto, que os profesionais sanitarios protesten, a necesidade de moverse para frear estes anos de recortes.

 

Desde o retorno do PP ao goberno da xunta calcúlase que os recortes en sanidade superan os 2.200 millóns de euros. Como impactou iso no concreto?

As consecuencias son coñecidas por todos. Temos listas de agarda enormes, que o Sergas maquilla para ocultar a realidade de que hai miles de persoas que nin sequera teñen data para ser atendidos. Temos masificación nos centros de saúde, facultativos que non poden dedicar máis de 5 minutos por paciente, o que é incompatíbel coa calidade asistencial; hai saturación nas urxencias hospitalarias… En fin, unha situación que fai que o dereito á saúde estea moi condicionado.

 

Os profesionais sanitarios especialmente os dos PAC, Primaria, Centros de Saúde… tomaron a iniciativa e iso é moi saudábel

 

Que caracteriza para vostede a política sanitaria de Núñez Feixoo?

Ten dous obxectivos fundamentais. Por unha banda, cumprir co precepto neoliberal de acabar co público, de que o Estado ten que ter a mínima presenza e por iso hai que recortar nos servizos públicos para axustarse a cumprir co déficit que impón a UE. Por outra banda, queren abrir espazos ao sector privado, ás multinacionais e fondos de investimento que son as que están a ficar cos servizos sanitarios. En definitiva, este goberno puxo o servizo sanitario público en función dos intereses e desenvolvemento das empresas privadas, das multinacionais en vez de atender a prestar unha boa saúde da poboación.

 

Dicía antes que con todas estas medidas e políticas do goberno do PP aplicadas nestes anos o dereito á saúde está condicionado en Galiza, poderíamos dicir que ese dereito está en risco?

Non hai que ser alarmistas (ri). O que ocorre é que empeza a haber importantes dificultades de acceso ao servizo de saúde. Comezan problemas serios, como o que aconteceu na Estrada [morreu un paciente sen asistencia médica por falla de persoal]. No Hospital de Compostela faleceron persoas nunha padiola nun corredor. Son casos puntuais, afortunadamente non están aínda moi xeralizados mais se isto continúa así o que até agora era excepcional pode pasar ser máis grave. O deterioro da Primaria fai que se resinta todo o resto do sistema.

 

Ademais, non hai unha aposta pola prevención, espérase que a xente enferme para curala porque iso si pode ser trasladado aos concertos coa empresa privada…

 

A situación da sanidade é a que é, por iso hai tantos protestos e mobilizacións, por iso hai dimisións de xefes de servizo. Fronte a isto Feixoo inventa outra realidade

 

É aí onde está o negocio…

Claro. Temos un modelo que non se orienta á prevención, á saúde da poboación galega, e iso melloraría moito a situación: descenderían en número os infartos, embolias cerebrais, cancros… mais só 12% do orzamento sanitario vai a Primaria, que é onde poden incidir na prevención.

 

Feixoo mantén, fronte ás criticas e denuncias da precarización e deterioro da sanidade galega, que esta está a un nivel mellor que no resto do Estado español e tamén mellor que nos anos do goberno ‘bipartito’…

O presidente Feixoo basea a súa estratexia na falsidade, en ‘fake news’ (ri). A situación da sanidade é a que é, por iso hai tantos protestos e mobilizacións, por iso hai dimisións de xefes de servizo… Fronte a isto Feixoo inventa realidades, é unha estratexia que lle deseñaría algún responsábel de marketing político. É a mentira como arma política e Feixoo ten un poder moi grande a través dos medios de comunicación.