Susana Pedreira: "Coas mulleres exercendo a opinión o único que corre perigo é un xornalismo machista"

A xornalista Susana Pedreira (Imaxe: Nós Diario)

Comeza a cuarta edición do congreso As mulleres que opinan son perigosas, que decorrerá de maneira online e que poderá seguirse nas canles do Concello de Pontevedra e da Deputación. Este ano participan, entre outras, as xornalistas Belén López, Montse Fajardo, Lara Graña, Mercedes Mora, Almudena Ariza e a directora de Nós Diario, María Obelleiro. Entrevistamos a Susana Pedreira, unha das promotoras do foro.

 

 

Por que son perigosas as mulleres que opinan?

Non o somos, as mulleres que opinan son necesarias e non perigosas. O único que corre perigo con nós exercendo a opinión é un xornalismo machista que xa interesa cada vez a menos público. O título do noso foro tira de retranca galega para criticar os ámbitos de poder que nos silencian.

Por que son tan poucas as xornalistas que chegan a postos de decisión nos medios?

Son varios motivos, pero salientaría dous: o poder é un sector historicamente masculinizado, tamén nos medios de comunicación, e os homes promociónanse entre eles, esa inercia custa rompela. E o segundo motivo hai que buscalo no fogar, onde as mulleres seguimos cargando cos coidados, o que limita as nosas posibilidades de ascenso no mundo laboral. Necesitamos fogares correspondentes para que deixemos de renunciar ás nosas aspiracións profesionais. 

Que se pode facer para reverter unha situación en que as mulleres son maioría nas redaccións pero minoría nas dirección?

Comezando por reivindicar ese espazo para que os que dirixen e mandan saian da inercia histórica, reivindicarnos como profesionais que, ademais, queremos dirixir, opinar e ter mando. Promocionar mulleres dentro das redaccións para equilibrar a mirada que constrúe a axenda informativa dese medio.

Non reverteremos a situación de verdade até que ademais de querer dirixir teñamos a posibilidade real de facelo porque as cargas e responsabilidades no ámbito privado sexan compartidas. O mercado laboral ten que fomentar esa corresponsabilidade. A maternidade ten que ter un valor e non só un prezo a pagar. As políticas públicas de igualdade son imprescindíbeis. 

Como aplicar a perspectiva de xénero nos medios?

É necesaria a formación das e dos profesionais, comezando polos que dirixen medios para que saiban de que vai iso da perspectiva de xénero, para que o entendan como unha ferramenta clave que vai mellorar o contido e o tratamento de todas as informacións que publiquen. Ten que ser transversal, non un departamento estanco. 

Que destacaría desta edición de As mulleres que opinan son perigosas?

Destacaría que xa é un evento consolidado cun público fiel que pregunta por el desde finais do ano anterior. Ademais, conseguimos crear unha marca que as profesionais de todo o Estado coñecen e da que queren formar parte. Do cartel salientaría o poder feminino no xornalismo galego con tres directoras de medios, dúas xefas de sección de Economía, e dúas xornalistas referentes falando de cultura e memoria.