SEN BENEFICIOS

O Goberno de Cabana de Bergantiños apoia un parque eólico contra o que loita a veciñanza

A asociación ecoloxista Petón do Lobo critica que o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño (PP), encargara dous informes técnicos “con cartos de todas as veciñas e veciños” para apoiar un proxecto eólico de Fenosa Wind na serra do Gontón.

A pesar dos reparos iniciais dos distintos departamentos da Xunta de Galiza, o proxecto eólico Mouriños, impulsado por Fenosa Wind (agora Naturgy), finalmente salvou os obstáculos de afección ao patrimonio cultural, arqueolóxico e paisaxístico e prosperará no alto da Fernandiña, informa a asociación ecoloxista Petón do Lobo. Farao con só tres eólicos, dos catro inicialmente previstos, co cal, Cabana de Bergantiños non percibirá diñeiro ningún en concepto de canon eólico.

 

Ao longo da tramitación administrativa que descrebe a Declaración de Impacto Ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e publicada a pasada terza feira no DOG, o concello de Cabana de Bergantiños, a instancias do Goberno local, encargou dous informes a unha empresa “talvez temeroso de que o proxecto de Fenosa non prosperase”.

 

No primeiro dos informes municipais conclúese que o estudo ambiental redactado pola empresa promotora “… ofrece a información suficiente (inventario ambiental, identificación e valoración de impactos, estudo de ruídos, sinerxías, de avifauna e quirópteros, de elementos arqueolóxicos, etcétera) para garantir que as obras analizadas non supoñan un impacto ambiental inaceptable”.

 

No outro informe, encargado posteriormente, volve apuntarse que hai “… información suficiente para garantir que as obras non supoñan un impacto ambiental inaceptábel”.

 

Petón do Lobo ve “falta de obxectividade” nos informes que achega o Concello, “xa que a empresa redactora ten intereses na xestión da auga municipal e outros contratos dos que resultou beneficiaria” e di que a súa intervención “foi decisiva para a aprobación do documento ambiental”.

 

A asociación ecoloxista advirte de que o proxecto de Fenosa “vai supoñer unha grave desfeita do patrimonio cultural e arqueolóxico, e unha catástrofe sen precedentes na historia da comarca de Bergantiños polo seu impacto significativo sobre a paisaxe e o declive do turismo, se temos en conta a relevancia paisaxística, arqueolóxica e ambiental da zona afectada”.