Galiza afronta a fin do estado de alarma coa ampliación de horarios sobre a mesa

A terraza dun bar do Grove, co mobiliario recollido, durante o fechamento do perímetro do concello en abril. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O Comité Clínico reúnese para preparar o final do estado de alarma coa ampliación dos horarios comerciais, que afectan sobre todo a hostalaría, enriba da mesa. O Ministerio de Sanidade fía o control da pandemia aos distintos territorios malia a oposición dalgunhas representantes no encontro do Comité Interterritorial de Saúde.

O Comité Clínico que asesora a Xunta da Galiza en materia de sanidade reunirase mañá nunha xuntanza extraordinaria para avaliar a ampliación de horarios comerciais a partir do sábado, unha medida que se agarda sexa aprobada, sinalou hoxe nunha rolda de prensa en Lugo Alberto Núñez Feixoo, presidente da Galiza.

A situación epidemiolóxica permite “unha maior amplitude de horarios”, indicou Feixoo, que chamou a “estar preparados para un levantamento do estado de alarma, que se vai producir o domingo, e para o levantamento do toque de recoller", que decaerá nesa mesma data despois de reinstaurarse a finais de outubro.

Amais, Feixoo adiantou que os servizos xurídicos da Xunta están investigando "que se pode facer sen estado de alarma e sen lexislación específica naqueles concellos de risco extremo", para evitar a expansións dos gromos que se puideran producir.

Falta de previsión

Feixoo cargou contra o Goberno estatal pola falta de previsión para afrontar o control da pandemia da Covid-19 despois do estado de alarma, a pesar do decreto aprobado nos últimos días polo Goberno do Estado que regula o novo escenario, e que atribúe ao Tribunal Supremo a última palabra para decidir se dá luz verde ás medidas decididas polos territorios.

"O problema que imos ter son os concellos cunha incidencia moi alta, que facemos cos concellos cun risco extremo, e esa é probabelmente a gran cuestión epidemiolóxica e xurídica", afirmou o presidente antes de matizar que o final do estado de alarma non implica o final do risco extremo nos concellos e comarcas.

Do mesmo xeito, quixo salientar que respectarán as decisións  do Consello Interterritorial de Saúde, do que forma parte Galiza, o resto de territorios e o Goberno do Estado; polo que será mañá cando “en función da situación xurídica, imos adoptar as decisións".

Maila que Feixoo viña defendendo que se tiñan que ir eliminando as distintas restricións vixentes, agora pide a capacidade de aplicación de distintos graos de medidas nos concellos de risco.

Outra das normas que decae co estado de alarma é o fechamento da fronteira galega, que xa está aberta con Portugal desde o sábado pasado, aínda que Feixoo continúa a defender que só se poden cruzar os pasos transfronteirizos por causas xustificadas.

Ao respecto, a última hora desta tarde a ministra de Sanidade, Carolina Darias, defendeu que os territorios teñen “medidas suficientes para manter o virus” controlado unha vez remate o estado de alarma.

Así se pronunciou após o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, onde houbo representantes de varias zonas que non apoiaron o decreto aprobado polo Goberno español respecto ao poder do Tribunal Supremo.

Medidas concretas

O Comité Clínico transmitiu onte que a liña xeral de actuación que prevé é a de desenvolver medidas concretas só naqueles concellos onde a incidencia se manteña alta.

Até o de agora o Comité Clínico traballa con catro categorías de risco (extremo, alto, medio alto e medio baixo). Se algún concello é catalogado como de risco extremo, estabelécese o fechamento do seu perímetro, prohíbense as xuntanzas de persoas que non convivan xuntas e suspéndese a actividade da hostalaría, que se reduce á entrega de comida a domicilio ou para recoller no mesmo local.