Galiza ampliará horarios coa fin do estado de alarma

Terraza céntrica en Compostela, sen clientela (Foto: Riobó Prada)

Feixoo anuncia que se está a traballar nunha vía xurídica para as restricións.

O comité clínico que se reúne de forma extraordinaria na na mañá desta quinta feira ten riba da mesa a ampliación de horarios, actualmente restrinxidos especialmente na hostalaría, unha vez decaído o estado de alarma o vindeiro domingo día 9 de maio. Está previsto que esta mesma quinta se anuncien as medidas e que entren en vigor a partir do sábado.

Avanzouno o presidente da Xunta, Núñez Feixoo, en declaracións aos medios en Lugo, nas que tamén precisou que a asesoría xurídica traballa xa na fórmula que se seguirá para adoptar medidas de restrición naqueles concellos que estean en risco extremo.

Actualmente, Galiza conta con catro niveis de actuación (extremo, alto, medio alto e medio baixo). No caso dos municipios en risco extremo, decrétase o fechamento perimetral e da hostalaría, que unicamente pode servir para levar a domicilio ou recollida, á vez que non están permitidas as reunións de non conviventes.

Coa fin do estado de alarma, Galiza prepárase para o levantamento do pechamento perimetral, que actualmente xa ten aberto o paso fronteirizo con Portugal aínda que tamén está vixente a prohibición de recoller queda, fixado ás 23:00 horas.

En días pasados, o propio Feixoo sostivo que a situación epidemiolóxica de Galiza permitía "ir deixando" atrás medidas como o toque de recoller e o peche perimetral, pero o comité clínico que asesora á Xunta, e así o avalan tamén as palabras pronunciadas esta cuarta polo mandatario, inclínanse por medidas máis severas de restrición para os concellos en risco extremo.

Deste modo, e ante a "falta de lexislación específica" que volveu afear ao Goberno español, Feixoo indicou que os letrados da Administración galega estudan "que se pode facer sen estado de alarma e sen lexislación específica naqueles concellos de risco extremo" para "evitar" que "focos" localizados "e convertan nun problema provincial ou autonómico".

Ademais, a Xunta tamén está pendente das decisións que adoptará o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde ( CISNS) desta cuarta feira, do que forman parte territorios e o Goberno estatal. "Somos respectuosos co consello, imos reunir mañá e en función da situación xurídica, imos adoptar as decisións", explicou Feixoo.

En todo caso, espérase que o comité clínico aposte por "unha maior amplitude de horarios, porque a situación epidemiolóxica permíteo" e "hai que estar preparados para un levantamento do estado de alarma, que se vai a producir o domingo, e para o levantamento do toque de recoller", que con carácter xeral tamén se vai a producir ese día en todo o Estado español.

"O problema que imos ter son os concellos cunha incidencia moi alta, que facemos cos concellos cun risco extremo e esa é probablemente a gran cuestión epidemiolóxica e xurídica", apuntou.

Pola súa banda, o comité clínico avanzou que a idea xeral é seguir aplicando medidas concretas nos municipios nos que haxa unha alta incidencia, como os peches perimetrais e restricións de horarios cando a incidencia estea alta.