Algunhas claves sobre como che afectan as restricións para conter o coronavirus

A hostalaría mantense pechada desde a noite da pasada sexta feira, como medida de conteción do coronavirus. (Europa Press)

As medidas decretadas nas últimas xornadas polo Goberno central e galego para afrontar a emerxencia sanitaria derivada do coronavirus manteñen suspendidas as clases e os bares pechados, e impoñen restricións importantes da mobilidade persoal para respectar o  distanciamento social, que se resume no lema xa viralizado "queda na casa", prescrito para frear o espallamento da enfermidade. Mais existen actividades que si se poden realizar. Eis algunhas claves.

Podo saír á rúa durante o estado de alarma?

A instauración do estado de alarma decretada polo Goberno do Estado esta fin de semana limita a circulación de persoas polo espazo público, se ben admite unha serie de actividades, como é a compra de alimentos, de produtos farmacéuticos ou de primeira necesidade.

Tamén se permite o desprazamento para recibir asistencia sanitaria, para acudir ao traballo -no caso de non poder acollerse a sistemas de teletraballo- e volver ao domicilio, así como o desprazamento a unha entidade financeira ou de seguro.

A asistencia de persoas maiores, menores, dependentes, con algunha diversidade ou especialmente vulnerábeis é outro dos supostos que contempla o real decreto no que se instaura o estado de alarma en España, que advirte que en calquera desprazamento “deberán respectarse as recomendacións e obrigas ditadas polas Autoridades sanitarias”. 

Onde podo ir e onde non?

A actividade comercial, cultural, recreativa e hostaleira vese moi afectada polas medidas adoptadas para tratar de conter a expansión do coronavirus, que limitan tamén calquera outra actividade ou estabelecemento que “poida supoñer risco de contaxio”.

Estas restricións afectan aos locais de hostalería e de restauración, que unicamente poden prestar servizos de entrega a domicilio. Tamén están pechados ao público museos, arquivos, bibliotecas, monumentos e locais onde se desenvolvan espectáculos públicos.

Os centros de actividade física e deportiva tampouco están operativos.

Si manteñen a súa actividade estabelecementos que ofrecen produtos considerados de primeira necesidade, como son, ademais dos supermercados,  tendas de comestíbeis e lonxas, as farmacias, ópticas e centros de produtos de ortopedia, os negocios de venta de produtos hixiénicos, os de prensa e papelaría, as tinturarías, os estancos ou os estabelecementos de venda de teléfonos, telecomunicacións e outros equipos tecnolóxicos.

Tamén se permite o comercio por internet e telefónico, así como a venda de alimentación a domicilio en cambións tenda. 

Ademais, a Xunta estende o permiso de apertura a retallo de ferraxaría, pintura e vidro en estabelecementos especializados, por tratarse de actividades que deben subministrar ao sector primario, gandeiro, pesqueiro e agrícola elementos necesarios para a súa actividade.

Os talleres de reparación de vehículos tamén poden seguir funcionando, mais unicamente para esta actividade. 

Na Galiza, as perrucarías manteranse pechadas, agás para servizos a domicilio por causas xustificadas, como é a atención a persoas con mobilidade reducida. 

Transporte. En caso de necesidade, como podo moverme?

Malia as restricións de movemento, o transporte público continúa operativo, malia que con redución de servizos, a excepción do transporte ferroviario de proximidade, que mantén a oferta de viaxes, se ben ten adoptado medidas de diminución de prazas para aumentar a seguridade. 

Desde hoxe, Renfe permite cambiar para outra data ou anular de forma gratuíta billetes xa adquiridos e vén de ampliar a validez dos seus bonos. Para realizar estas xestións, acaba de habilitar un servizo telefónico, o 918314520.

A onde poden acudir as persoas socialmente vulnerábeis?

As persoas sen teito poden acudir aos albergues sociais e tamén as cociñas económicas e comedores sociais seguen mantendo o funcionamento, se ben con aforos reducidos a un terzo para reforzar a seguridade sanitaria.  

Igualmente, os centros de atención social continuada manteñen a súa actividade, se ben limitando a presenza simultánea de persoas nun mismo espazo. 

Non ocorre o mesmo cos centros de día de inclusión social, que teñen suspendida a súa actividade agás para os servizos de ducha ou lavandería ou os de “calor café”, que si están operativos. 

E se teño que ir renovar o paro?

Non será necesario até, polo menos, o 30 de abril. Entre as medidas acordadas polos servizos públicos de emprego está esta moratoria para a renovación da demanda de emprego. Os trámites urxentes realizaranse a través da oficina virtual ou de forma telefónica, coa oficina corrrespondentes. Tamén quedan suspendidas, polo momento, as citas de orientación laboral.