Reaccións á venda

Clamor para que o Pazo de Meirás fique en mans da Xunta

Foto de arquivo da toma simbólica das Torres de Meirás por membros do BNG o 30 de agosto de 2017

[ACTUALIZADA ÁS 14.18] Que o Pazo de Meirás pase ao patrimonio público. Esta é a principal reivindicación das primeiras voces que reaxiron ao anuncio da venda do inmoble espoliado por Franco que permitiría o lucro dos seus herdeiros.

A sexta feira, 16 de febreiro, facíase pública a intención da venda do Pazo de Meirás por parte da familia Franco, após o falecemento da filla do ditador o 29 de decembro de 2017. Non tardaron en aparecer as primeiras reaccións, que coinciden na necesidade de que a Xunta de Galiza recupere o Ben de Interese Cultural, que foi espoliado ao pobo galego tras o golpe de Estado de 1936.

 

O Concello de Sada, a través dun comunicado, solicítalle ao Goberno galego que convoque, de maneira “extraordinaria e urxente” a Comisión de persoas expertas sobre o Pazo de Meirás, co fin de que o ben pase ao patrimonio público. O Concello trata, así, de que se defina e se concrete unha solución para o inmoble, “a urxencia non admite dilacións nin demoras para determinar cando e como o Pazo de Meirás debe pasar ao patrimonio público, así como os efectos legais derivados de, no seu caso, a nulidade da adquisición da propiedade por Francisco Franco sobre a venda anunciada agora”.

 

O Concello de Sada acusa a Xunta de "pasividade cómplice cos intereses económicos dos herdeiros de Franco"

 

No comunicado, o Concello acusa a Xunta de “compracencia cunha eventual transmisión do pazo” e de “pasividade cómplice cos intereses económicos dos herdeiros de Franco” ao redor dunha propiedade obtida “mediante a extorsión, o espolio e os instrumentos represivos e coercitivos dunha ditadura”.

 

Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica

 

Tamén se pronunciou ao respeito a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, que emitiu un comunicado en que advirte do que pide “a realidade social”: “que se faga efectivo dunha vez o paso ao patrimonio público do Pazo de Meirás, xa que a familia Franco desfruta dun ben ilexitimamente conseguido nos tempos da ditadura”. “É importante sinalar que o prezo que aparece nas noticias [8 millóns de euros] non son máis que o equivalente en razóns das que dispón o pobo galego para recuperar o que é seu”, continúa.

 

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica: "O pazo non se merca, porque xa o pagou a cidadanía galega, que foi espoliada"

 

A entidade salienta que o pazo “non se merca, porque xa o pagou a cidadanía galega, quen foi espoliada nos negros tempos do franquismo”. Desta maneira, a Comisión reclama “o inmediato paso ao patrimonio público sen ningunha compensación económica á familia Franco”. Neste sentido, indica que “non é de recibo que logo de sufrir o espolio o pobo galego para favorecer o ditador Francisco Franco sexa a propia familia do tirano quen cobre unha fortuna para facer negocio do roubado á cidadanía”.

 

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña

 

Ademais, Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña e membro da Executiva Nacional do BNG, denuncia que o anuncio da venda do pazo é “a constatación de que os traballos da Xunta pro Devolución do Pazo van por bo camiño”.

 

Goretti Sanmartín: "O informe xurídico que prepara a Xunta pro Devolución do Pazo está na orixe da rapidez dos herdeiros, que saben que hai vías legais que cuestionan a propiedade"

 

Afirma, ao respeito, a través dun comunicado de imprensa que “isto non modifica a estratexia que se está a seguir” e anuncia que “nas próximas semanas estará o informe xurídico que sinala os pasos para que o pazo pase a ser ben público”. A nacionalista di que este traballo “está na orixe desta rapidez dos herdeiros, que saben que hai vías legais que cuestionan a propiedade familiar”.

 

Goretti Sanmartín lembra que a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, impulsada desde a propia Deputación da Coruña, ten como obxectivo que o inmóbel “pase a ser de uso público” e, segundo sinalou, “é precisamente esta loita a que fai que a familia Franco axilice a venda, buscando a maneira de aproveitarse dese patrimonio que conseguiron facendo uso do poder do ditador antes de que prosperen as iniciativas que están a traballar para que o Pazo pase a ser propiedade pública”.

 

Esquerda Unida

 

Pola súa banda, Esquerda Unida emitiu un comunicado en que cualifica o anuncio da venda como unha “Mofa á democracia e ao pobo galego”. No caso de confirmarse a intención dos herdeiros de Franco, o partido insta a Xunta a “paralizar” a operación e a facer que o inmoble “se incorpore ao patrimonio público de Galiza”.

 

Eva Solla: "A Xunta debería paralizar a operación e facer que o inmoble se incorpore ao patrimonio público"

 

A coordinadora nacional de EU, Eva Solla, lembra que en setembro de 2017, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmaba que desde o goberno estudarían todas as opcións posíbeis para recuperar o pazo. “A día de hoxe”, sinala Solla, non ten constancia de que a Xunta impulsase “nin unha soa medida nin ningún estudo xurídico para recueprar a propiedade”.

 

Ademais, EU afirma que aínda non recibiu resposta ningunha sobre a denuncia formal presentada o pasado mes de setembro por un presunto delito de odio cometido pola Fundación Francisco Franco por “negación de crimes de lesa humanidade”.

 

En Marea

 

En Marea tamén se pronunciou sobre o anuncio da venda do pazo e pídelle á Xunta que "tome cartas" no asunto para evitar que os Franco "fagan cartos a conta dun espolio realizado a punta de pistola". Así, insta o Goberno galego a que "acometa todas as accións necesarias para evitar esa venda e conseguir que o pazo forme parte do patrimonio público galego".

 

Antón Sánchez: "Sería unha burla que a familia Franco fixese cartos a conta do espolio realizado polo ditador"

 

"Sería unha burla que a familia Franco fixese cartos a conta do espolio realizado polo ditador", afirma Antón Sánchez, viceportavoz de En Marea, nunha nota remitida aos medios. O partido político anuncia que reclamará no Parlamento "unha actuación rápida por parte da Xunta". Aliás, ao igual que o Concello de Sada, pedirá unha reunión da comisión de expertos.

 

"O PP debería manifestarse e demostrar a favor de que estar: se a favor de que o pazo sexa dos galegos ou se está defendendo os intereses da familia do ditador", salienta Sánchez.