Os herdeiros de Franco, dispostos a facer caixa co Pazo de Meirás

Pazo de Meirás

A familia de Franco tenta agora lucrarse cun inmóbel que foi produto do espolio perpetrado polos golpistas de 1936. Con tal propósito, os herdeiros do ditador terían xa solicitado a taxación do inmóbel. A noticia sobre a venda do pazo avanzouna ABC, rotativo que obtivo a información de fontes próximas á familia.

De acordo con ABC, a morte da filla do ditador tería acelerado os trámites para a venda do inmóbel, cuxa restitución ao dominio público reclaman a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e a Xunta pro Devolución do Pazo. A familia Franco fíxose co pazo grazas a un espolio planificado polas elites franquistas da cidade da Coruña.

 

O pazo está a ser xestionado a efeitos prácticos pola Fundación Francisco Franco, moi activa na apoloxía do legado do ditador fascista. Declarado BIC polo bipartito en 2008, desde aquela altura ten sido sistemático o incumprimento por parte dos propietarios das obrigas que decorren da súa condición como ben protexido -nomeadamente no que atinxe ao réxime de visitas-, sen que a Xunta da Galiza actuase en consecuencia.

 

A familia optaría agora por facer caixa ante a presión social conducente á recuperación do inmóbel.

 

8 millóns de euros

 

O dixital OK diario -meio ultraconservador- afirma que o pazo se poñerá á venda a un prezo de 8 millóns de euros. En declaracións recollidas por Europa Press, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, considera que os descendentes do ditador pretenden "librarse dun ben conseguido de maneira ilícita", en tanto que a Xunta pro Devolución traballa nun informe xurídico para que o imóbel pase a mans da Xunta da Galiza.