As cinzas dos incendios, o novo risco

Preocupación no sector do mar. A chuvia arrastra as cinzas a ríos e rías, afectando desde a toma para auga potábel (como ten acontecido hai meses en Verín e s Neves) até os bancos marisqueiros.

Os incendios de 2006 calcinaron miles de hectáreas, un lume cunha virulencia como había tempo que non se vía. Após de días de combate contra as lapas, logrouse sofocalos. Extintos os incendios, semellaba que acababa o perigo. Mais axiña se comprobou que non, e que un novo desastre pairaba sobre Galiza por mor das consecuencias dos incendios. Viñeron as chuvias e arrastraron cinzas e lodos dos montes queimados até o mar, onde provocaron importantes mortandades en bancos marisqueiros das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo.

 

Ese é a preocupación que aniña tamén agora no sector do mar e que xa teñen expresado patróns maiores como o de Carril ou directivos de organizacións mexilloeiras e agrupacións marisqueiras. Os incendios que asolaron zonas costeiras como o sur de Pontevedra deixaron grandes superficies calcinadas, en cinzas. Se agora veñen chuvias fortes, todos eses residuos poden chegar levados pola escorrentía a regatos, ríos ou directamente ao mar. Afectando bancos marisqueiros a pouco de comezar a campaña de Nadal.

 

Ten pasado noutras ocasións, non só en 2006. Como en 2013, após o gran incendio en Monte Pindo, cuxas cinzas acabaron afectando zonas de ameixa e berberecho en Muros. Unha situación que tamén se deu, e por non cambiar de exercicio, en Rianxo e Boiro, como recoñeceu a propia Xunta, con mortandade de bivalvos.

 

Mais a cinza dos incendios tamén pode xerar outros problemas. Como este mesmo ano en Verín, sen auga potábel ao afectar as cinzas do incendio o río de onde se subministraba. O que tamén aconteceu en 2016 nas Neves, por poñer so outro exemplo.